Escoitar

Benestar Social incrementa nun 14% a concesión de becas de libros e comedor que chegan a 2.258 solicitantes

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou hoxe que o seu departamento concederá este ano un 14% máis de becas de libros e comedor que o curso pasado. O incremento do orzamento permitiu atender a 2.258 solicitantes, 1.724 son de axudas de comedor e 534 de libros. A nacionalista salientou que nunca antes se concederan tantas becas e precisou tamén que nos dous últimos cursos practicamente se duplicou o orzamento e o número de persoas atendidas.

mércores, 8 set 2010
1283952865Becas.JPG
María Méndez indicou que este ano houbo un incremento do 18% no número de solicitudes presentadas. En previsión desta maior demanda o departamento de Benestar Social xa incrementara o orzamento destinado ás becas de libros e comedor ata os 620.000 euros (200.000 máis dos que incialmente se adicaran o ano pasado), pero aínda así a nacionalista sinalou que debido ao forte incremento de peticións, existe unha lista de agarda de 518 para comedor e 354 para libros. A nacionalista adiantou que a súa concellería ten previsto mover algunhas partidas orzamentarias para achegar outros 45.000 euros e dar resposta a 120 alumnos e alumnas máis de comedor.

A concellería de Benestar Social anunciou que xa falara coa concelleira de Facenda para que valore a posibilidade de facer unha modificación de crédito que permita dar resposta á promesa que fixera o alcalde de que nesta cidade ningún neno nin nena quedarían sin unha beca municipal de comedor.

A nacionalista tamén advertiu que diante do incumprimento do compromiso da Xunta de ampliar os comedores escolares dos colexios de Vigo existe a posibilidade de que moitos nenos e nenas que van recibir unha beca do Concello teñan que renunciar a ela porque finalmente non teñen praza nos seus centros para o comedor. María Méndez dixo que o ano pasado houbo varios casos deste tipo e lamenta que esta ano poda acontecer o mesmo.

María Méndez indicou que este curso houbo 2.601 solicitudes de comedor, concedéronse 1.724, denegáronse 355 por non reúnir os requisitos e están en lista de agarda 518. No caso das becas de libros, presentaronse 1.056 peticións, concedéronse 534, denegáronse 162 e están en agarda 518. Cada alumno ou alumna recibe unha beca de comedor de 41 euros mensuais e no caso dos libros a beca é unha axuda única de 75 euros.
Descargar todas as imaxes