Escoitar

Inaugúrase a exposición "Os anos escuros" con 80 fotografías dos fondos do Arquivo Pacheco

A Casa das Artes acolle mañá a inauguración da exposición "Os anos escuros" con fondos do Arquivo Pacheco. A mostra fotográfica presenta, a través dun conxunto de case oitenta fotografías, o tempo que seguiu ao golpe de estado que se produciu no verán de 1936. Esta é unha máis das iniciativas que a Concellería de Cultura está a desenvolver para poñer en valor o legado do Arquivo Pacheco e amosalo á cidadanía.

mércores, 8 set 2010
A exposición, que da continuidade a axenda 2010 que se elaborou coa mesma temática, ofrece a visión de Pacheco como a crónica dun tempo vivido desde a única perspectiva posíbel: a dos vencedores. A inmensa maioría das imaxes que aparecen concéntranse nas primeiras dúas décadas de existencia do réxime de Franco. Atendendo as limitacións inherentes ao medio fotográfico, son, non obstante, en moitas ocasións, o suficientemente explícitas para compoñeren as liñas basilares da paisaxe social que comezou a agromar como consecuencia da caída da República na nosa cidade.
Nelas pódense rastrexar os elementos que, nuns casos, perdurarían ao longo de catro escuras décadas e que, noutros, o réxime decidiu abandonar en función dos seus propios intereses e da evolución do momento histórico. Desta maneira, podemos detectar nesta mostra fotográfica a presenza do elemento árabe, ou a manifestación rotunda da Alemaña de Hitler ou a Italia de Mussolini, a través de desfiles militares ou da aparición da esvástica en actos e reunións de carácter público ou privado. Ao seu carón xorde o poder da Falanxe, as manifestacións populares de adhesión ao novo réxime. Unha ducia de retratos de estudio mostran as faces de persoas que foron os piares fundamentais no novo e cruel réxime.

Máis información