Escoitar

Este domingo Landriña achegará aos visitantes do Museo da Cidade ao mundo do retrato

O Museo da Cidade "Quiñones de León" continúa cos seus "Domingos de Museo", onde se poderá seguir gozando da visita dinamizada para nenos, nenas e familias e das visitas guiadas para público en xeral. Este domingo Landriña ensinaralles como antes do nacemento e popularización da fotografía eran os pintores e pintoras quen, nos seus lenzos, retrataban as persoas e as representaban de moi diversas formas. Unhas veces de xeito naturalista ou realista, outras, de xeito imaxinativo e creativo.

venres, 10 set 2010
As 11.30 horas e cunha duración dunha hora, Landriña, a mascota do Museo da Cidade, é a encargada de presentar cada domingo un itinerario temático polo museo e o xardín histórico que inclúe xogos e actividades. Da man da mascota visitanse as salas do pazo descubrindo retratos moi diferente, experimentarese a idea de ser nós os retratados e crearemos a partir dun divertido xogo un retrato moi diferente e creativo.

Os familiares que acompañan ás e aos menores poden participar desta actividade ou deixalos ao coidado do persoal educador. Estas actividades son totalmente gratuítas. O número máximo de participantes é de 15 nenos e nenas cun máximo de dous acompañantes.

Tamén se pode optar pola visita xeral ao pazo, na que se presenta de xeito ameno a historia do Pazo "Quiñones de León". Na visita descubriranse algunhas curiosidades do pazo e das coleccións. Como complemento a esta visita subirase ás torres dende as que se goza dunha privilexiada visión dos xardíns que se acompaña cunha breve explicación.

A oferta do Museo da Cidade "Quiñones de León" é moi variada. Ofrécense visitas guiadas ao público en xeral, sen reserva, os domingos ás 12:30 horas. Hai tamén visitas guiadas para grupos e asociacións, con reserva, ao pazo e o xardín histórico no horario de apertura. As visitas guiadas á sala de arqueoloxía e obradoiro de arqueoloxía son sen reserva e para todos os públicos.
Por outra parte pódense facer visitas guiadas ao xacemento do Castro previa reserva de maio a setembro, agás os luns, de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas, mentras que de outubro a abril o horario é de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas. No outro xacemento, o da Vila romana de Toralla, hai visitas guiadas de martes a domingo de 12:00 a 20:00 horas previa reserva. As citas poden programarse no Servizo de Atención ao Visitante de Castrelos.