Escoitar

O alcalde reclama á Xunta que estableza o transporte metropolitano en Vigo "porque é a súa obriga"

Abel Caballero rexeitou hoxe venres que o Concello de Vigo subvencione parte do custo do transporte metropolitano por ser competencia do goberno autonómico e sentenciou que "os impostos dos cidadáns de Vigo son para as necesidades dos cidadáns de Vigo". O alcalde ofreceuse a dar este servizo se a Xunta transfire as competencias e o financiamento correspondente ao Concello.

venres, 10 set 2010
1284122071IMG_0170.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este venres á Xunta de Galicia que estableza o transporte metropolitano de Vigo "porque é a súa obriga" e ten a competencia e os recursos económicos para iso.

O socialista defendeu que "Vigo e a súa gran área metropolitana precisan do transporte metropolitano" e expresou o "apoio decidido" do Concello ao mesmo, xa que garante os accesos ao centro da cidade e as paradas dos autocares.

Pola contra, e ante a intención do goberno autonómico de que Vigo sufrague unha porcentaxe "moi importante" do custo deste servizo, Abel Caballero aclarou que "os impostos dos cidadáns de Vigo son para as necesidades dos cidadáns de Vigo" e non para financiar o transporte dos habitantes doutros municipios, máis cando a Xunta de Galicia ten as competencias e o financiamento preciso.

O alcalde ofreceu á Xunta de Galicia a "asumir" este servizo sempre e cando o goberno de Núñez Feijóo lle transfira tanto as competencias como o financiamento preciso, e "iso é a área metropolitana que vimos reclamando", concluíu Caballero.
Descargar todas as imaxes