Escoitar

A Fundación Laxeiro prepara coa colaboración do Concello o centenario do nacemento do artista

O alcalde, Abel Caballero, mantivo un encontro este martes con Carlos García-Suárez, secretario xeral da Fundación Laxeiro, no que trataron as actividades que se desenvolverán este ano co gallo do centenario do nacemento do artista. Tertulias, mesas redondas e a edición dun catálogo completo coa obra de Laxeiro son algunhas das accións que se levarán a cabo desde a Fundación a partir de febreiro.

martes, 15 xan 2008
1200408698laxeiro150108.jpg
Abel Caballero, quen tamén preside a Fundación, destacou a "cordialidade" coa que se celebrou o encontro e manifestou que "as propostas serán estudadas polo Concello de Vigo, xa que Laxeiro é sen dúbida un dos mellores embaixadores desta cidade, na que decidiu asentarse e á que fixo súa".

A Fundación pediu ao Concello de Vigo que inclúa o logo do centenario, que pasará a ser o do organismo o próximo ano, na papelería do Concello, de tal xeito que contribúa á promoción e coñecemento do artista fóra das nosas fronteiras. Do mesmo modo, García-Suárez trasladou a Abel Caballero o seu desexo de que, a través da figura do alcalde, as localidades de Vigo e Lalín, lugares de residencia e nacemento de Laxeiro, queden irmanadas.

A Fundación está preparando ademais o "catálogo universal" da obra de Laxeiro, unha publicación que constará de dous tomos de 300 follas cada un e dun DVD coa obra en formato dixital actualizada ata marzo deste ano.
Descargar todas as imaxes