Escoitar

O Torneo Xogara resalta o aspecto lúdico do deporte para persoas de todas as idades

O deporte é só deporte e as persoas que o practican fano con outras persoas e non contra outras persoas. Con esta filosofía desenvólvese en diversos puntos de Vigo o Torneo Xogara, organizado pola agrupación deportiva do mesmo nome e patrocinado pola Concellería de Deportes do Concello de Vigo.

luns, 14 xan 2008
1200322043xogara140108.jpg
Presentación do torneo, este luns no Concello
É esta unha proposta que leva 10 anos en marcha co obxectivo de achegar o deporte ás persoas desde o seu punto de vista máis lúdico, afirmando que a práctica deportiva é un xogo no que poden participar todos xuntos, sen importar o sexo nin as condicións económicas ou habilidades e destrezas dos xogadores.

Con estas premisas, no Torneo Xogara teñen lugar "encontros" e non "partidos", e os equipos non se "enfrontan", senón que xogan uns cos outros, sempre voluntariamente e por diversión. Ademais, o regulamento dos encontros concíbese como un medio e non un fin en si mesmo, adaptándose ás persoas que participan para que o pasen ben mentres xogan.

Dentro do seu torneo, Xogara ofrece distintas posibilidades segundo as idades dos integrantes dos equipos. Así, para os alumnos de primaria celebrarase, o sábado 26 de xaneiro no Pavillón do Centro Cívico de Teis, o Día do Kinball, que será continuado con novos encontros todos os sábados no mesmo lugar.

Os estudantes de secundaria e bacharelato poderán participar no Día do Béisbol, o sábado 23 de febreiro no parque da Riouxa ou, se chove, no Pavillón do Centro Cívico de Teis. Esta actividade continuará todos os sábados.

Pola súa parte, os maiores de 16 anos teñen a posibilidade de xogar ao fútbol-sala todos os sábados nos pavillóns do IES A Guía e do IES de Teis, así como no Pavillón Municipal de Teis e no do Centro Cívico de Teis.

Finalmente, para os maiores de 50 anos Xogara organiza encontros de cachibol, os martes no IES A Guía, os mércores no Centro Social do Calvario, os xoves no Colexio Nacional de San Andrés de Comesaña, e os sábados no Pavillón de IES de Teis ou noutro pavillón municipal de Vigo.

Máis información nos teléfonos da Agrupación Deportiva Xogara (986 375 111 ou 659 025 044), Plan Comunitario de Teis (986 281 670) e do Colexio Possumus (986 371 330).
Descargar todas as imaxes