Escoitar

Abel Caballero anuncia "intervencións inmediatas" para evitar as carreiras nas estradas públicas

Reducir o número de semáforos en verde pola noite, resaltar os pasos de cebra nalgunhas zonas da cidade e reforzar a vixilancia nocturna do tráfico son as medidas que o Concello tomará de maneira inmediata para evitar accidentes como o que o pasado sábado se orixinou a causa dun pique entre dous condutores. No sinistro perdeu a vida un matrimonio que circulaba correctamente no seu vehículo.

luns, 14 xan 2008
1200325488xuntaseguridade140108.jpg
A conmoción creada por este suceso fixo que a Xunta Local de Seguridade se reunise este luns no Concello, coa presenza do alcalde, Abel Caballero, o concelleiro de Tráfico, Xulio Calviño, e responsables da Policía Local e do control do tráfico da cidade, para estudar posibles solucións ao que Caballero cualificou de "fenómeno xeneralizado en moitas cidades importantes de España", e que non é outro que o da utilización das estradas públicas como escenario de competicións de velocidade e exhibicións por parte dalgúns condutores.

Na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta, o alcalde denunciou a "actitude irresponsable e intolerable" dos que cometen estas imprudencias, para os que anunciou "tolerancia cero". O Concello "vai pór todos os medios ao seu alcance" para perseguir e evitar "comportamentos destas carácterísticas", engadiu Caballero.

Neste sentido, o alcalde anunciou unha serie de "intervencións inmediatas". Así, e con "carácter xeral", o Concello establecerá "a certas horas" novas regulamentacións semafóricas para impedir que os vehículos alcancen altas velocidades. Ademais, os pasos de cebra serán resaltados nalgunhas zonas e a sinalización horizontal será mellorada para que sexa máis clara aos condutores. En canto aos pasos de peóns, Caballero informou de que solicitou xa un mapa do termo municipal que indique as localizacións dos que deban ser resaltados, e asegurou que os badéns se establecerán respectando os requerimentos do transporte público. A terceira medida que o Concello porá en marcha será reforzar a vixilancia nocturna do tráfico, con máis presenza de axentes nas rúas.

Finalmente, o alcalde afirmou que o Concello ten detectadas as vías con alto risco de accidentes e aquelas nas que existe un alto risco de que se produzan altas velocidades pola noite. Así mesmo, Caballero sinalou que "xa se está establecendo vixilancia nocturna" en zonas onde existen denuncias de que se celebran carreiras, e que a partir de agora esa vixilancia se incrementará.
Descargar todas as imaxes