Escoitar

O Calvario acolle este domingo o Torneo Nito Ruiz de tiro con arco

Setenta arqueiros de Galicia, España e Portugal participarán este domingo día 20 de xaneiro no XII Torneo Nito Ruiz de tiro con arco, que terá lugar no Pavillón Muncipal do Calvario. A proba, organizada polo Club de Arqueros Nito Ruiz coa colaboración da Concellería de Deportes, é valedeira para o Campionato de España que se celebrará en febreiro en Lleida.

martes, 15 xan 2008
1200406417tiroconarco150108.jpg
Os arqueiros competirán desde as 09.30 ata as 14.00 horas tirando un total de 60 frechas desde unha distancia de 18 metros, intentando bater o récord de 568 puntos establecido hai seis anos por Isidro Beiras para conseguiren o trofeo especial do torneo. Este trofeo consiste nunha frecha de prata e outra de cristal duns 60 centímetros, colocadas sobre penas de pedra cunha chapa de prata na que se inscribe o récord, o nome do arqueiro e a data da marca.

Os participantes, con idades a partir dos 14 anos, proceden de diversas partes de Galicia, España e Portugal. A cidade de Vigo estará representada con 15 arqueiros. O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, salientou este martes na presentación do torneo o alto nivel dos deportistas que competirán neste evento. Unha das presenzas destacadas na edición deste ano é a da arqueira do Club Arco de Narón Iria Grandal García, subcampioa do mundo cadete en 2006, actual número un do ránking júnior feminino español e campioa galega en varias ocasións nas categorías de alevíns, infantís, cadetes e júnior.

Xabier Alonso animou os vigueses e viguesas a achegarse este domingo ata o Pavillón Municipal do Calvario para gozaren dunha "experiencia moi gratificante", como é asistir a unha competición deportiva que require "moito tempero e moito control".
Descargar todas as imaxes