Escoitar

O Verbum acolle o I Seminario de Etnografía Galega

Oitenta e seis persoas participan a partir de mañá sábado no I Seminario de Etnografía Galega, organizado polo Centro de Artesanía Tradicional (CAT), que terá lugar no Museo Verbum-Casa das Palabras baixo o título de "A linguaxe dos símbolos na cultura galega".

venres, 2 xuñ 2006
1149253794horreo3.jpg
O I Seminario de Etnografía Galega desenvolverase en tres sesións, mañá día 3 e o 10 e 17 de xuño, de 10:30 a 13:30 horas. Durante as tres xornadas, o ponente, Felipe-Senén López Gómez, abordará un aspecto da inmensidade da cultura galega, xa anunciado reiteradamente na teoría e na práctica polo creador Luis Seoane: o dos símbolos. Deste xeito, o seminario tratará de incluír o repertorio simbólico como elemento revitalizador, creativo e de identidade na produción de formas.

Partirase de que a cultura é a resposta que o ser humano dá aos problemas que presenta un contexto determinado, no que se vai desenvolvendo unha historia particular dentro do crebatestas universal. Asúmese que a cultura é un fenómeno relacionado coa intelixencia, ou sexa, coa capacidade que os humanos poñen para resolver situacións novas, acudindo a tradicións, a creacións e investigacións, así como aos intercambios entre os pobos. Así, vaise creando un idioma falado e escrito, fórmulas para resolver a vida e expresarse, entre as que están os símbolos: dos ideogramas á fotografía, algo polo que se nos identificará no futuro.

O programa do seminario abrirase o sábado 3 de xuño coas unidades "Adentrarse no universo das formas" e "Arte e cultura en Galicia". O día 10, "As formas no universo artesanal" centrarán a atención dos asistentes. Finalmente, o 17 de xuño estará dedicado ao repertorio do "Universo das formas e dos símbolos".

O CAT, Centro de Artesanía Tradicional dependente da Concellaría de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo, leva desenvolvendo dende a súa creación en 1999 un ambicioso programa de protección, recuperación e difusión do patrimonio etnográfico, atendendo con especial atención á artesanía tradicional.

Mostra fotográfica

Paralelamente ao seminario inaugurarase no Verbum a mostra fotográfica "Debuxos e gravados nas construcións populares", de Luís Higinio Flores e producida polo Museo do Pobo Galego.

Esta exposición presenta unha colección de 80 imaxes a cor que reproducen unha serie de motivos gravados a punta de navalla, e nalgúns casos debuxados, por autores anónimos sobre elementos da arquitectura popular.

Na maioría dos casos trátase de portas e ventás de casas, muíños ou capelas curtidas polo tempo, que unen ao valor icónico da variada tipoloxía dos signos con que se expresa a cultura rural as diversas texturas da madeira patinada pola chuvia e a intemperie, os liques e os mofos que lle prestan variedade e riqueza plástica.

Esta exposición poderá visitarse ata o 30 de xullo, de martes a domingo, en horario de 10:00 a 21:00 horas.

Mañá sábado, ás 11:30 horas, Luís Higinio Flores e Felipe-Senén López Gómez atenderán os medios de comunicación para falaren sobre os seus traballos.
Descargar todas as imaxes