Escoitar

A Xunta de Goberno aproba novos traballos para os beneficiarios do Programa BIAL

Os peóns e oficiais beneficiarios do Programa BIAL (Brigadas de Inserción e Actuación Local) continúan a realizar traballos demandados por varios departamentos municipais. A Xunta de Goberno aprobou hoxe luns as actuacións que deberán iniciarse durante o presente mes de novembro.

luns, 21 nov 2005
A principal actividade dos beneficiarios do BIAL será a construción de beirarrúas. Así, no camiño Devesa (Candeán) realizarase unha beirarrúa de formigón de 1,80 metros de ancho, en catro semanas e media. Outra beirarrúa, esta con baldosa e canalización de pluviais, executarase na avenida Fragoso Interior en dúas semanas e media. Tamén haberá beirarrúas novas de formigón con canalización de pluviais en Portoloureiro-Castrelos, cun tempo de execución estimado de dúas semanas.

Así mesmo, comezará este mes a construción dunha rampla de formigón para acceso á pista de deportes da rúa Cañiza. Esta obra levarase a cabo nunha semana.

Por último, dentro do Programa BIAL iniciarase en breve o axardinamento, con instalación de rego, da zona verde situada na confluencia das rúas Martíneza Garrido e Gaivota. O tempo de execución estimado deste traballo é de seis semanas.

Así, comezarán as obras de construción dunha rampla de formigón para acceso á pista de deportes da rúa Cañiza. O tempo de execución estimado deste traballo é de unha semana.

O Programa BIAL, financiado exclusivamente polo Concello, pretende facilitar experiencia e hábitos laborais a persoas desempregadas a través da súa participación en actuacións de acondicionamento e mellora da cidade. Deste xeito, abrangue os módulos de Prevención de riscos laborais (20 horas), Instalacións eléctricas (35 horas) e Albanelería (70 horas), con especialidades engadidas de Xardinería e Cantería. Esta formación teórico-práctica foi impartida pola Fundación Laboral da Construcción de Galicia, co apoio do persoal da estructura do propio programa.

Plan de Calidade Turística

Por outra parte, a Xunta de Goberno Local deu o seu visto bo á concesión de subvencións a varios establecementos e persoas físicas dentro do Plan de Calidade Turística 2005. Os 17 beneficiarios desta iniciativa recibirán axudas que van dos 924 aos 3.000 euros para a realización de actividades turísticas. En total, o Concello aboará 30.000 euros con cargo á partida "Tranferencias a Entes Privados" e 11.167 con gargo á partida "Plan de Calidade Turística".