Escoitar

Corina Porro entrevístase con Teresa Táboas, conselleira de Vivenda e Solo

A alcaldesa, Corina Porro, entrevistouse hoxe venres coa conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, para tratar da colaboración entre o Concello e a Xunta en materias como a dotación de solo industrial en Vigo e a súa área metropolitana, a creación de vivendas protexidas no noso municipio e a rehabilitación do Casco Vello.

venres, 18 nov 2005
1132323501vivendaboa.jpg
Tras o encontro, Corina Porro asegurou que "avanzamos moito" na definición de "temas principais para a nosa economía e para moitas familias", de cara á próxima aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

A alcaldesa salientou a necesidade de aumentar a superficie e o investimento destinados a solo industrial. "Necesitamos", dixo, "apostar pola instalación de máis industrias na nosa área metropolitana". Neste sentido, Teresa Táboas afirmou que "non podemos seguir perdendo empresas e, por tanto, riqueza e creación de emprego". A conselleira adiantou que os orzamentos da Xunta de 2006 incluirán 37.000.000 euros para o parque empresarial de Mos e que o Goberno autonómico estuda aumentar a superficie prevista para a Plataforma Loxística de Salvaterra, actualmente de 4.200.000 metros cadrados.

No que respecta á vivenda, Corina Porro ofreceu "toda a súa colaboración" á Consellaría para o "desenvolvemento definitivo" da urbanización de Navia. Pola súa parte, Teresa Táboas manifestou o seu desexo de que se creen "suficientes vivendas protexidas para poder equilibrar o mercado da vivenda libre".

Así mesmo, Corina Porro defendeu a rehabilitación integral do Casco Vello, "un dos sinais de identidade de Vigo", para "recuperar a memoria histórica". Para a alcaldesa é necesario "seguir avanzando" na colaboración que manteñen o Concello, Zona Franca e a Xunta a través do Consorcio do Casco Vello, de modo que, ademais de rehabilitar as vivendas, se mellore a seguridade e se recuperen os espazos urbanos e comerciais desa zona. Teresa Táboas asegurou que a Xunta destinará a estes fins 5.000.000 de euros nos orzamentos de 2006.

Por último, Corina Porro anunciou o desenvolvemento dun "plan de fachadas" no cal se inclúen Cánovas del Castillo, Montero Ríos, o paseo de Alfonso, a ribeira do Berbés e as traseiras do MARCO.
Descargar todas as imaxes