Escoitar

Cita coa "onda máis grande" en Canido a partir do domingo

A concelleira de Deportes, Lucía Molares, presentou hoxe venres o campionato de surf "Dakine Big Wave Day", que se desputará con data aberta entre o 20 de novembro e o 31 de xaneiro. Surfistas galegos, portugueses, asturianos, cántabros, vascos e franceses daranse cita, entre Toralla e Cabo Estai, coa "onda máis grande".

venres, 18 nov 2005
1132323561surf.jpg
A competición está deseñada para realizarse nun só día. Os surfistas esperarán pola grande onda que está previsto se produza no Fondo da Marosa e alcance unha altura duns seis metros. Cunha semana de antelación á día elixido, a organización porá en marcha todo o seu dispositivo, avisando aos "raiders", aos xuíces e á prensa. Lucía Molares afirmou que este campionato de surf é "unha nova aposta" do Concello polos deportes náuticos.

Serán doce surfistas os que compitan. Farano en dúas rondas clasificatorias, cada unha de 45 minutos. Destas semifinais sairán seis surfistas que competirán nunha final de unha hora de duración. O obxectivo é coller a onda máis grande e navegar sobre dela coa maior destreza.

No Club Náutico de Canido montarase un centro de operacións onde estará a base das motos de auga que apoiarán os surfistas, así como unha pantalla de grandes dimensións para seguir a proba. Na rompente da onda situarase o barco dos xuíces e da prensa.

Segundo a Federación Galega de Surf é a primeira vez que Galicia acolle un evento destas características. A onda rompe no medio do mar, os surfistas cóllena remando e o despregamento de medios e de barcos fan do "Dakine Big Wave Day" algo único en toda Europa.
Descargar todas as imaxes