Escoitar

Vigo pon en marcha unha das potabilizadoras máis avanzadas do mundo

O alcalde inaugurou oficialmente a nova Estación de Tratamento de Auga Potable do Casal, unha infraestrutura de vangarda na que o Concello investiu 23 millóns de euros. A planta incorpora tecnoloxía pioneira de ultrafiltración, reforza a seguridade do abastecemento para o próximo medio século e fornece auga a Vigo e a outros cinco municipios da súa contorna.

martes, 28 xul 2026

“Hoxe procedemos á inauguración oficial da ETAP do Casal, a nova potabilizadora que fixemos e que pagou integramente o Concello de Vigo con 23 millóns de euros”, explicou Caballero. A instalación ocupa unha superficie de 80.640 metros cadrados, equivalente a once campos de fútbol, e dispón dunha capacidade de 132.000 metros cúbicos, cantidade coa que se encherían máis de cincuenta piscinas olímpicas.

A nova potabilizadora sitúa Vigo á vangarda da tecnoloxía aplicada ao tratamento da auga. O seu edificio circular conta con dúas plantas nas que se desenvolven os procesos de floculación, remineralización, microfiltración e ultrafiltración. As membranas incorporadas poden reter partículas de ata 0,2 micras, anticipándose ás novas esixencias europeas sobre a calidade da auga destinada ao consumo humano. A planta incorpora tamén un sistema pioneiro de desinfección mediante cloraminas, un laboratorio de última xeración e novas instalacións para a aireación de lodos, o almacenamento de reactivos e a dosificación de cal, carbón activo e dióxido de carbono.

“É unha gran potabilizadora coas mellores tecnoloxías”, destacou o rexedor. A instalación foi recoñecida nos Global Water Awards como a primeira planta de Europa e a segunda do mundo na categoría de mellor proxecto de tratamento de auga de 2025, atendendo á súa eficiencia, tecnoloxía e sostibilidade. Caballero sinalou que o novo sistema permite captar e tratar auga procedente das capas máis profundas do encoro, ampliando a autonomía da cidade en períodos de escaseza. “Esta tecnoloxía dános un mes máis de auga ao ano ao permitir utilizar a presa en máis profundidade”, manifestou, engadindo que a planta consegue que Vigo dispoña dunha “auga mineral da billa”. Con todo, o rexedor reivindicou que "para pechar o ciclo da agua é imprescindible iniciar de forma inmediata os estudos que conduzan á construcción dunha nova presa". Así, reclamou á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra que participen no financiamento dunha infraestrutura que presta servizo máis alá do termo municipal. “A Xunta tería que pagar o 16 % do custo da obra e non o fai”, afirmou, lembrando que o Goberno autonómico non realizou ningunha achega á construción da nova planta malia que o seu propio Plan da Auga recollía a necesidade de ampliar ou renovar a ETAP do Casal.

A ETAP do Casal abastece Vigo e tamén os municipios de Cangas, Moaña, Redondela, Mos e Gondomar. Segundo explicou o alcalde, arredor do 16 % da auga tratada sae da cidade para atender a poboación doutros concellos. A instalación xa se concibiu para prestar servizo a Vigo e á súa área metropolitana, cunha capacidade de abastecemento estimada para medio millón de persoas.

O Concello desenvolve ademais un proxecto de 7.300.852 euros no marco do PERTE de Dixitalización do Ciclo da Auga. O Goberno de España achega unha subvención de 5.996.314 euros, o 82 % do investimento, mentres que o Concello aporta os 1.304.537 euros restantes para dixitalizar o servizo, reducir as perdas na rede e crear un novo centro de xestión intelixente. 

Descargar todas as imaxes