O alcalde reclama para Vigo o mesmo apoio económico que reciben outros aeroportos dos gobernos autonómicos e provinciais
“Eu non lles vou pedir á cidadanía de Vigo que cos seus impostos paguen os voos da xente do resto da provincia”, manifestou, insistindo en que o Concello, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra deben financiar a partes iguais a captación de novas conexións aéreas desde Vigo.
“A Xunta e a Deputación seguen sen querer pagar voos no aeroporto de Vigo”, expuxo o alcalde, quen reiterou a proposta municipal para que cada unha das tres administracións asuma un terzo do custo das novas rutas. O alcalde aproveitou para reclamar conexións directas con Londres e París, ademais de reforzar Barcelona e recuperar os voos con Bilbao, Sevilla e Valencia.
Caballero defendeu que Peinador presta servizo ao conxunto da provincia e do sur de Galicia, polo que considera imprescindible a implicación económica das administracións autonómica e provincial. “Eu non lles vou pedir aos cidadáns de Vigo que cos seus impostos paguen os voos da xente do resto da provincia”, manifestou. Así, rexeitou a fórmula de promoción turística en orixe proposta pola Xunta, que contempla unha achega de 100.000 euros por cada nova ruta confirmada, cun máximo de dúas por aeroporto e ano. “Aquilo da publicidade en destino era unha necedade e unha escusa para non pagar en Vigo”, afirmou, incidindo en que as campañas promocionais non substitúen a contratación de conexións aéreas, xa que “como van vir os turistas se non hai voos?”.
O alcalde contrapuxo esta postura coa estratexia seguida nos outros aeroportos galegos que reciben algún tipo de apoio por parte do goberno galego ou provincial. Tamén destacou a estratexia do Goberno do Principado de Asturias, que reserva cinco millóns de euros para fortalecer a conectividade aérea, internacionalizar o destino e atraer novos fluxos turísticos e empresariais. Puxo como exemplo o caso da Deputación de Granada, cuxo Patronato Provincial de Turismo aprobou un programa de 1.996.500 euros para mellorar a conectividade aérea internacional. Ademais, lembrou igualmente os modelos de León, onde colaboran a Deputación e o Concello; Castellón e Logroño, con participación autonómica; e Almería, onde cooperan a Deputación e varios concellos da contorna. “En Coruña, León, Almería ou Castellón, as institucións autonómicas ou provinciais si que pagan. Aquí néganse porque non queren que haxa voos desde Vigo e néganse a que a cidade teña mobilidade”.