O Pleno aproba de forma definitiva a Ordenanza de Baixas Emisións
A nova norma, que saíu adiante coa oposición do PP e do BNG, facilitará o acceso, estacionamento e circulación dos vehículos nas catro zonas reguladas: o centro da cidade, a Praza de Portugal, Bouzas e O Calvario.
O voceiro municipal, Carlos López Font defendeu a nova ordenanza e puxo en valor a política de mobilidade do Concello a través, por exemplo, do programa Vigo Vertical que é un “exemplo en Europa”.
O edil asegurou que o Goberno municipal “conseguiu que ninguén teña que cambiar de vehículo” con esta nova ordenanza que regula ata 20 excepcións nas que os coches terán permitido o acceso, circulación e estacionamento dentro das Zonas de Baixas Emisións. Nas catro áreas reguladas: Centro, Praza Portugal, Bouzas e O Calvario, xa existen nestes momentos restricións ao tráfico, xa que na súa maioría son vías semipeonís e/ou peonís.
A nova norma de baixas emisións recolle que quedan exentos de cumprir as normas os coches domiciliados nesas zonas e de alta no padrón do imposto, así como os adscritos a unha actividade económica; os destinados a transportar a persoas con mobilidade reducida; os adscritos a servizos públicos esenciais; os motores e ciclomotores de 7 a 22 horas; os coches históricos, así como os de administracións públicas que presten servizos básicos.
A estes súmanse os que prestan servizos industriais de empresas relacionadas coas subministracións, autobuses que dan servizos a institucións; os taxis; os coches de alugueiro, alén dos vehículos dos profesionais que entregan e recollen subministracións; os que acceden a talleres de reparación; os necesarios para realizar actos en vía pública aprobados polo Concello; os que acceden aos centros de saúde e de ensino; aos traballadores en horario de noite e aos que acceden a un aparcamento público ou privado.
O establecemento das Zonas de Baixas Emisións será por fases e non entrará en vigor de forma inmediata, xa que agora abrirase un prazo para emitir os accesos autorizados.
Festivos 2026
A unanimidade do Pleno aprobou este luns os festivos locais para o ano 2027, que serán A Reconquista, o luns 29 de marzo, trasladando a celebración do propio día 28 que cae en domingo; e San Roque, que será o luns 16 de agosto.