Comeza a primeira fase da obra de humanización de Cesáreo Vázquez
O alcalde asistiu este luns ao comezo dos traballos de renovación das redes de saneamento e abastecemento da rúa, que teñen un orzamento de máis de 1,8 millóns de euros.
O Concello iniciou hoxe a primeira fase das obras de mellora da rúa Cesáreo Vázquez, no treito comprendido entre os números 75 e 159, cun investimento de 1.855.000 euros. A actuación forma parte do proceso de transformación integral desta vía, que contará cun investimento total de 4,2 millóns de euros.
Caballero explicou que “imos mellorar todas as redes; os colectores moi antigos van cambiarse por infraestruturas que garanten un funcionamento eficiente da rede e trataremos de facelo no mellor dos estándares”.
O obxectivo principal da intervención é renovar as infraestruturas básicas da rúa, comezando pola substitución das redes de saneamento e abastecemento, que presentan continuas roturas. As obras incluirán tamén a renovación dos antigos colectores por outros de nova xeración, co fin de evitar filtracións e perdas de auga e mellorar o funcionamento da rede.
O rexedor destacou que esta actuación permitirá avanzar na humanización completa da rúa Cesáreo Vázquez para convertela nun espazo moderno e dotándoa das condicións urbanísticas e dos servizos propios dunha rúa renovada.