As 5.000 reservas para Viva Suecia sairán á venda o martes 4 de agosto
O alcalde advertiu das ofertas de revenda que están a aparecer e lembrou que as reservas son nominativas e están vinculadas ao documento de identidade da persoa titular. A Xunta de Goberno Local adxudicou por 33.000 euros o contrato do programa municipal de atención psicolóxica a nenas, nenos e adolescentes de entre 6 e 17 anos cuxas nais sofren ou sufriron situacións de violencia machista.
O Concello porá á venda o vindeiro martes 4 de agosto as 5.000 reservas para o concerto que Viva Suecia ofrecerá en Castrelos o venres 14 de agosto, ás 22:00 horas. A venda realizarase mediante o sistema habitual, con dúas quendas de 2.500 reservas, unha pola mañá e outra pola tarde. En cada unha delas, 500 estarán dispoñibles por vía telemática e as outras 2.000 venderanse de maneira presencial.
“Imos poñer á venda as 5.000 reservas para o concerto de Viva Suecia. Pola mañá serán 2.500 e pola tarde outras 2.500”, explicou Abel Caballero, quen alertou especialmente sobre os anuncios de revenda publicados en diferentes plataformas, xa que as reservas están identificadas co DNI e poderá solicitarse este documento no acceso ao auditorio. “Os que compren na revenda están sendo estafados”, advertiu, antes de insistir en que esta práctica está terminantemente prohibida.
O grupo murciano, un dos principais referentes do indie español, chegará a Vigo coa xira Hecho en tiempos de paz. Viva Suecia foi a primeira confirmación do cartel de Castrelos deste verán, logo das numerosas peticións recibidas para contar coa banda na programación municipal. O seu cuarto disco, El amor de la clase que sea, acadou o número un de vendas e foi recoñecido como Disco de Platino.
Atención psicolóxica para menores expostos ás violencias machistas
A Xunta de Goberno Local adxudicou por 33.000 euros o contrato do programa municipal de atención psicolóxica a nenas, nenos e adolescentes de entre 6 e 17 anos cuxas nais sofren ou sufriron situacións de violencia machista. O programa traballará na identificación de condutas agresivas e na prevención de futuras relacións afectivas baseadas na desigualdade ou na violencia de xénero.
O servizo ofrecerá atención personalizada a cargo de profesionais especializadas en violencia de xénero. A intervención terá unha dimensión asistencial e terapéutica para abordar as posibles secuelas da exposición á violencia, así como unha vertente psicoeducativa e preventiva.