Escoitar

O Concello insta á Xunta a iniciar os trámites para executar un novo encoro no río Oitavén

O Pleno deste mes de xullo deu luz verde á moción socialista para que o Goberno autonómico asuma as súas obrigas e garanta o abastecemento de auga do sur da provincia de Pontevedra. Amais, quedou aprobada unha moción para esixir á Xunta que cumpra co Servizo de Axuda no Fogar.

luns, 27 xul 2026

O concelleiro da área de Fomento e segundo tenente de Alcaldía, Javier Pardo, defendeu a moción socialista que saíu adiante cos votos en contra do PP e do BNG. Expuxo que a situación de prealerta por seca, decretada polo descenso das reservas da presa de Eiras, que se atopaba a primeiros do mes de xullo ao 86% da súa capacidade, non é nova. O estudo para a garantía do abastecemento do sur da provincia de Pontevedra, redactado en base ao convenio asinado entre o Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e o Goberno de España, recolle a necesidade de mellorar as infraestruturas hidráulicas no sur da provincia se se quere garantir o futuro da primeira área metropolitana galega.

O propio documento recolle a necesidade da construción dunha nova presa de abastecemento no curso alto do río Oitavén, antes Eiras. Pero, tal e como advertiu o edil, a Xunta de Galicia non iniciou ningunha actuación, nin trámite ao respecto das conclusións do citado estudo. Pola contra, o Concello segue esperando a autorización da Xunta - logo de anos de solicitala- para o uso da auga rexenerada procedente da depuradora para baldear as rúas.

Así, o Pleno acordou instar á Xunta a asumir as súas obrigas e iniciar os trámites necesarios con condición de urxencia para executar un novo encoro augas arriba no río Oitavén e as infraestruturas necesarias identificadas no Estudo para a garantía do abastecemento de auga do sur da provincia de Pontevedra.

Axuda no Fogar

O Pleno aprobou, cos votos do grupo socialista e dos nacionalistas e a abstención do PP, a moción sobre medidas en materia de axuda no fogar. A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, defendeu a necesidade de que a Xunta de Galicia faga efectivo con carácter inmediato o acordo acadado coa Fegamp para o financiamento deste servizo, aboando ao Concello o correspondente ao módulo comprometido e procedendo á liquidación das cantidades devengadas con efectos desde o 1 de xaneiro de 2026, tendo en conta o prezo/hora actual do contrato en vigor desde primeiros de ano.

Amais, o texto insta á Xunta a destinar de forma prioritaria o financiamento extraordinario que recibirá do Goberno de España para o sistema de dependencia durante os anos 2026 e 2027 incrementando o número de horas do servizo asignadas ao Concello, de xeito que se poidan reducir as listas de espera.

A moción demanda da Xunta o incremento do financiamento destinado aos concellos para garantir a cobertura do custo efectivo do Servizo de Axuda no Fogar e a aprobar un plan extraordinario de redución dos tempos de valoración e resolución dos expedientes de dependencia, reforzando os medios persoais e materiais necesarios para garantir o cumprimento dos prazos legalmente establecidos e evitar que as familias se vexan abocadas a recoller a prestacións económicas para coidados informais no fogar como única alternativa á falta de servizos públicas.

 

Descargar todas as imaxes