Escoitar

Vigo acolle a primeira preestrea en España de Marsupilami

O alcalde participou este luns na presentación do filme xunto a José Araújo, representante da distribuidora YouPlanet, que escolleu Vigo para celebrar o primeiro dos pases previstos en España. A proxección viguesa precede á programada en Madrid durante esta mesma xornada.

luns, 27 xul 2026

Os cines Tamberlick da praza Elíptica acollen este luns, ás 19:00 horas, a primeira proxección en España de Marsupilami, a nova comedia familiar de aventuras dirixida por Philippe Lacheau. A película, que acadou un grande éxito de público en Francia, chegará ao resto das salas españolas o vindeiro 12 de agosto.

“Marsupilami e Vigo son dous nomes extraordinarios”, afirmou o rexedor, quen cualificou o filme como “un peliculón” e augurou que repetirá en España o éxito conseguido nas salas francesas. “É a crónica dun éxito anunciado. O personaxe só hai que ver o debuxo e xa te engancha, xa te quedas con el”, sinalou.

Caballero felicitou á distribuidora pola elección de Vigo e puxo en valor o carácter familiar da produción, pensada para que persoas de todas as idades poidan compartir e gozar da experiencia nas salas de cine. “Película familiar para a xente moza, pero esa forma de ver o cine: primeiro, vindo ao cine; segundo, vindo a familia ao cine; e terceiro, gozando ao máximo”, explicou. O alcalde animou a acudir ás salas desde a súa estrea comercial: “Aconséllolle a todo o mundo que vaia vela tan pronto como arranque en toda España o 12 de agosto. Non deixedes de ir”.

Pola súa banda, José Araújo destacou que Marsupilami é unha película “familiar, divertida, de aventuras e emocionante”, protagonizada por un personaxe entrañable que xa acompañou varias xeracións a través dos cómics e das series de animación. A produción francesa, escrita, producida e dirixida por Philippe Lacheau, adapta á imaxe real o célebre personaxe franco-belga creado por André Franquin en 1952. A historia segue a David, que acepta transportar un misterioso paquete desde América do Sur e emprende unha caótica viaxe en cruceiro coa súa familia, alterada pola aparición dun bebé Marsupilami.

 

 

Descargar todas as imaxes