Caballero censura a negativa de PP e BNG a financiar a terzos os voos de Peinador
A iniciativa saíu adiante con 18 votos a favor do PSOE e 8 en contra de PP e BNG, sen abstencións. O rexedor censurou que ambas formacións votasen “en contra de que a Xunta e a Deputación apoien os voos no aeroporto de Vigo” e contrapuxo esta posición ao financiamento que, segundo sinalou, recibe o aeroporto de Santiago por parte do Goberno autonómico.
O alcalde valorou este luns a aprobación no Pleno dunha moción socialista que reclama a implicación económica da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia na contratación de conexións aéreas desde Vigo. O acordo insta á Deputación a comprometer créditos orzamentarios concretos para conseguir voos a diferentes destinos desde Peinador. O modelo proposto establece que o Concello de Vigo asuma un terzo do custo, a Deputación outro terzo e a Xunta de Galicia o terzo restante.
“A proposta do goberno que presido é que haxa apoios ás compañías: un terzo pagado polo Concello, un terzo pagado pola Deputación e un terzo pagado pola Xunta de Galicia”, explicou Abel Caballero, quen criticou que os grupos municipais do Partido Popular e do BNG rexeitasen a iniciativa. O rexedor censurou que ambas formacións votasen “en contra de que a Xunta e a Deputación apoien os voos no aeroporto de Vigo” e contrapuxo esta posición ao financiamento que, segundo sinalou, recibe o aeroporto de Santiago por parte do Goberno autonómico.
A moción foi defendida por Jaime Aneiros, quen lembrou na súa exposición que Peinador é a única infraestrutura aeroportuaria da provincia e que resulta fundamental tanto para o turismo como para a actividade empresarial. Tamén recolleu a necesidade de que os recursos provinciais destinados á promoción turística contribúan a mellorar a conectividade aérea de Vigo e das Rías Baixas. Esta nova votación concreta nunha repartición a partes iguais o modelo de financiamento defendido polo goberno municipal. “O BNG e o PP votaron en contra do aeroporto de Vigo”, concluíu Caballero, quen reiterou que as administracións autonómica, provincial e municipal deben compartir o esforzo necesario para ampliar os destinos de Peinador.