O Informe ARDÁN confirma o protagonismo de Vigo e a súa área dentro do tecido produtivo galego
O Informe 2026, presentado hoxe, analiza a evolución anual de 44.726 empresas galegas e os resultados amosan que non só medran senón que melloran a súa capacidade de xerar valor.
A Zona Franca acolleu este venres a presentación de resultados do Informe Ardán 2026, elaborado polo Servizo de Estudos do Consorcio co equipo investigador da Cátedra ARDÁN da Universidade de Vigo, que analiza a evolución de 44.726 empresas galegas.
Unha das principais conclusións é que o tecido empresarial galego mantén unha evolución positiva malia un escenario internacional marcado pola incerteza xeopolítica, a moderación do crecemento económico, as tensións comerciais e os profundos procesos de transformación tecnolóxica e enerxética que afronta Europa. Os resultados amosan que as empresas galegas non só continúan medrando, senón que o fan mellorando a súa capacidade para xerar valor. En conxunto, acadan unha cifra de negocios de 145.140 millóns de euros, un valor engadido bruto de 36.925 millóns, un resultado agregado superior a 14.225 millóns e xeran 476.173 empregos. Respecto ao exercicio anterior, a cifra de negocios aumenta un 3,41%, mentres que o valor engadido bruto medra un 5,25%, por enriba do incremento da actividade, reflectindo unha maior capacidade para transformar as vendas en riqueza. O emprego aumenta un 3,48%, consolidando a traxectoria de crecemento dos últimos exercicios.
Durante a presentación, Abel Caballero felicitou aos autores “polo admirable traballo realizado e puxo en valor a Eurorrexión. “Non podemos deixar que a Eurorrexión, cunha poboación de 700.000 persoas, teña unha atención errática. Temos que estar no coñecemento e na visión permanente con Vigo no centro, no corazón... Na xeoestratexia da Eurorregión Vigo está no centro". Amais destacou a innovación de Zona Franca coa fábrica Sparc de chips fotónicos e co laboratorio cuántico que se constrúe en López Mora".
David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, destaca que "o Informe ARDÁN demostra a capacidade de adaptación do tecido empresarial galego. Hoxe a competitividade depende cada vez máis da capacidade para innovar, internacionalizarse, incorporar talento e desenvolver modelos de xestión avanzados. As empresas galegas non só seguen medrando, senón que xeran máis valor e afrontan con maior solidez unha contorna económica cada vez máis esixente."
O Informe ARDÁN confirma un ano máis o protagonismo de Vigo e a súa área económica dentro do tecido produtivo galego. O 19% das empresas analizadas concentra aproximadamente unha cuarta parte da facturación empresarial, o 20% do emprego e o 17% do valor engadido bruto de Galicia. Durante 2024, o valor engadido bruto agregado aumentou na comarca un 7,61%, o que permitiu xerar 447 millóns de euros adicionais de riqueza económica para la comarca respecto ao exercicio anterior. En paralelo, unha de cada tres empresas incrementou a súa capacidade de xerar valor en máis dun 25%. Moi destacado resulta o comportamento do tecido industrial, xa que Vigo concentra o 30% do valor engadido bruto xerado en Galicia pola industria manufactureira, a construción e a enerxía, cunha taxa de crecemento agregada superior ao 15%, consolidándose como un dos principais motores económicos e industriais da Comunidade Autónoma.
Na presentación participaron tamén Eduardo Giménez, Silvia Ruiz e Raquel Arévalo da Universidade de Vigo.
Empresas máis produtivas, rendibles e eficientes
Máis alá do crecemento agregado, o informe constata unha mellora xeralizada dos principais indicadores económico-financeiros. A rendibilidade económica acada o 4,45%, mentres que a produtividade por persoa empregada sitúase en 36.701 euros, tras medrar un 4,04%, por riba do incremento do custo medio do emprego (3,53%). Estes resultados reflicten unha utilización máis eficiente dos recursos e maior capacidade para soster o crecemento sobre bases económicas sólidas.
O estudio pon igualmente de manifesto a fortaleza dunha estrutura produtiva ampla e diversificada. O análise abrangue 52 sectores, que concentran aproximadamente o 75% do valor engadido bruto empresarial de Galicia, onde conviven actividades industriais, de servizos e de base tecnolóxica que continúan reforzando a competitividade do tecido produtivo galego.