O Concello inicia a tramitación da ordenanza abolicionista da prostitución
A Xunta de Goberno aprobará a consulta pública previa para elaborar unha norma que reforzará a loita contra a explotación sexual e a protección das mulleres.
A tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva, anunciou que se aprobará o inicio da consulta pública previa para a elaboración da futura ordenanza abolicionista da prostitución, un novo paso que, segundo destacou, “reafirma o compromiso da cidade coa igualdade, a dignidade e os dereitos humanos”.
Silva explicou que a futura norma situará a Vigo entre as cidades que asumen "con claridade" que a prostitución e a explotación sexual constitúen "unha das formas máis graves de violencia e desigualdade contra as mulleres". A ordenanza responderá a un modelo abolicionista que actuará contra quen se lucra coa explotación sexual e contra a demanda que a sostén. Amais, subliñou que a iniciativa combinará a persecución da explotación sexual coa protección e o acompañamento das mulleres en situación de prostitución.
Para Carmela Silva isto é unha mostra de que Vigo quere seguir avanzando como "unha cidade máis xusta, igualitaria e libre de toda forma de explotación das mulleres" e afirmou que a futura ordenanza será "unha das máis avanzadas do Estado" nesta materia.