Caballero: "O Vigo Arena será o maior recinto multiusos do noroeste peninsular"
Esta nova construción levantarase en Guixar, terá capacidade para 16.000 persoas e proxéctase semienterrado cunha cuberta transitable e zonas verdes. “Converterá a Vigo no principal destino de grandes concertos e eventos do noroeste peninsular, dando servizo a toda Galicia, ao norte de Portugal, Asturias, León e Zamora”, afirmou o alcalde.
O equipamento situarase na parcela de 10.000 metros cadrados que o Consorcio da Zona Franca cederá ao Concello dentro do desenvolvemento urbanístico previsto no ámbito de Guixar-Santa Tegra, entre o colexio Santiago Apóstolo, a rúa Foxos e Santa Tegra.
O novo recinto terá unha capacidade de entre 15.000 e 16.000 espectadores e estará deseñado como un edificio totalmente integrado na topografía do terreo. O pavillón será soterrado e a súa cuberta converterase nunha gran praza pública de 10.000 metros cadrados, destinada a zonas verdes, espazos de paseo e estancia para a cidadanía. Segundo explicou o rexedor, o modelo arquitectónico seguirá un concepto similar ao da estación Vialia, cun edificio baixo unha ampla praza de uso público.
Caballero avanzou que o Vigo Arena será un equipamento de vangarda, cunha arquitectura de alta calidade desenvolvida por estudos de referencia europeos. O proxecto inclúe tamén a creación de novos espazos verdes na contorna e a ampliación a máis do dobre do bosque dos xesuítas, que pasará a ser de titularidade municipal e quedará aberto ao uso cidadán.
En canto á mobilidade, o alcalde destacou que o recinto será facilmente accesible a pé desde boa parte da cidade, contará cun aparcadoiro de arredor de 1.500 prazas, ademais de conexión mediante transporte público.
"Vai ser un revulsivo para todo Teis e para toda a contorna", asegurou, ao considerar que o novo equipamento actuará como motor económico, social e urbanístico para o barrio.
Caballero indicou que a previsión é que as obras comecen antes de dous anos e defendeu que a nova infraestrutura converterá Vigo no principal destino para grandes concertos e eventos do noroeste peninsular, dando servizo a toda Galicia, ao norte de Portugal, Asturias e Castela e León.