Zona Franca investirá 90,9 millóns de euros en Vigo en 2027
O alcalde presidiu o Pleno do Consorcio da Zona Franca que aprobou os orzamentos de 2027 cun investimento de 123 millóns de euros na área de Vigo, un 47,6 % máis ca en 2026.
Para Abel Caballero os orzamentos, que contemplan un investimento de 90,9 millóns de euros na cidade, son “importantísimos; marcan e van seguir sinalando o futuro desta cidade”. Ao seu entender o presuposto supón “unha acción extraordinaria, que vai seguir adiantando a Vigo no mundo das novas tecnoloxías”.
En canto ás partidas concretas, o rexedor destacou os 22 millóns de euros para o VgoTIC Global HUB, o Centro tecnolóxico de López Mora; a Panificadora, con 5,5 millóns de euros; a ampliación e mellora do Parque de Balaídos, cun investimento de 19,6 millóns de euros; a ampliación do PTL de Valadares cun presuposto de 7,6 millóns de euros; a Planta de semicondutores fotónicos, 2 millóns de euros, sendo a primeira fábrica de chips fotónicos de España, no polígono de Valadares; o aparcadoiro da Balsa-VG20 con 1 millón de euros; un orzamento de 33,2 millóns de euros para intervencións urbanas, entre as que destacan: o HUB Audiovisual, o desenvolvemento urbanístico de Guixar e o aparcadoiro da ETEA.
O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, sinalou que «en 2027 volveremos ser o principal axente investidor na área de Vigo para seguir potenciando o tecido empresarial, xerando riqueza, creando emprego cualificado e avanzando nos nosos proxectos estratéxicos, marcados pola innovación, a nova economía e os novos sectores industriais». O delegado destacou que «2026 foi un ano moi ambicioso co inicio das obras da fábrica de semicondutores fotónicos ou dos edificios do VgoTIC Global HUB en López Mora. O vindeiro ano temos unha folla de ruta para participar en intervencións urbanas moi potentes e transformadoras, iniciaremos a ampliación dos parques empresariais e interviremos en proxectos moi agardados de vivenda, automoción, emprendemento e seguridade. Seguimos avanzando».
Zona Franca é a primeira administración en dar luz verde ao seu orzamento cun programa de investimentos para a área viguesa de máis de 123 millóns de euros (123.528.444 €), un 47,6 % máis ca en 2026, para seguir impulsando o desenvolvemento económico e a xeración de emprego. No que respecta á previsión plurianual, a estimación de investimentos para o período 2027-2030 é a máis alta da historia do Consorcio, acadando máis de 500 millóns de euros, cun incremento do 31,6 % respecto dos orzamentos do exercicio anterior.
Un ano máis, o Consorcio da Zona Franca de Vigo ratifica a súa boa saúde financeira, xa que afrontará o seu programa de investimentos para 2027 con recursos propios, sen recorrer a financiamento alleo nin a ningún tipo de endebedamento. Como é habitual, os orzamentos remitiranse agora a Madrid para seren incluídos nos Orzamentos Xerais do Estado.