O Goberno local contrata o servizo de divulgación dos espazos musealizados
O alcalde explicou este luns que o Concello destinará 150.000 anuais a divulgar os xacementos arqueolóxicos do Castro e de Vila Toralla, así como Villa Solita en Alcabre e os espazos da fortaleza do Castro.
“En Vigo temos unha riqueza excepcional en patrimonio histórico e queremos que a cidade o coñeza, que o viva e que o teña como un dos grandes méritos da cidade”, afirmou este luns Abel Caballero.
O rexedor incidiu en que o obxectivo do Goberno municipal é promover e dar a coñecer todos os espazos musealizados. A empresa adxudicataria encargarase de organizar as visitas guiadas, alén de publicitar o programa de actividades para propiciar o coñecemento de todos os espazos históricos, desde o túnel do Castro con efectos audiovisuais, ou o patio de armas onde teñen lugar representacións teatrais, así como Villa Solita con concertos estivais ou a Vila Romana de Toralla coa representación do modo de vida dos poboadores romanos. O contrato de servizo aprobado na Xunta de Goberno do pasado venres terá unha vixencia de tres anos.