Quince novos murais artísticos enchen as rúas de Vigo
O programa municipal supera as 190 obras de arte urbana e continúa revitalizando barrios e espazos públicos da cidade.
O alcalde visitou varios dos murais que se están a executar dentro da nova edición do programa "Vigo, cidade de cor", unha iniciativa consolidada como referente da arte urbana. O percorrido incluirá as intervencións da rúa Cataluña, 40 e das escaleiras de Vázquez Varela, despois de visitar esta mesma mañá a intervención artística nas xardineiras da Avenida da Hispanidade.
O programa incorpora este ano 15 novos murais, cun investimento municipal de 218.802 euros, co obxectivo de seguir transformando espazos urbanos mediante a creación artística. As actuacións contribúen á recuperación e revitalización da contorna urbana e comercial, á mellora da paisaxe da cidade e á posta en valor do patrimonio local.
Caballero destacou que "Vigo, cidade de cor" é xa un dos grandes sinais de identidade da cidade no ámbito da arte urbana. Coas novas creacións, o programa supera as 190 intervencións artísticas distribuídas por distintos barrios, convertendo fachadas, medianeiras e outros espazos públicos en grandes lenzos ao aire libre que enriquecen a imaxe de Vigo.