O Goberno local garante a continuidade da UNED en Vigo cun investimento de 225.000 euros ao ano
Abel Caballero explicou que a achega municipal alcanza os 825.000 euros pola cesión gratuíta do espazo, valorado en 600.000 euros anuais. O Concello tamén apoia con 60.000 euros o programa cultural Conexións Vigo 2026
O alcalde anunciou que a Xunta de Goberno Local aprobará este venres a prórroga do convenio de colaboración entre o Concello e a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), que permitirá garantir a continuidade da súa sede na cidade desde setembro de 2026 ata setembro de 2030. O acordo supón unha achega municipal de 225.000 euros anuais, aos que se suma a cesión das instalacións onde se desenvolve a actividade docente, valorada en arredor de 600.000 euros anuais. En conxunto, o apoio do Concello ascende a 825.000 euros cada ano.
Caballero destacou que Vigo conta cunha ampla oferta universitaria grazas á convivencia da Universidade de Vigo e da UNED, que reúne na cidade arredor de 9.000 estudantes nas distintas ensinanzas que ofrece. Na actualidade, a UNED imparte en Vigo 13 graos: Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Políticas, Ciencias Ambientais, Dereito, Educación Social, Estudos Ingleses, Xeografía e Historia, Historia da Arte, Enxeñaría en Tecnoloxías da Información, Enxeñaría Informática, Pedagoxía, Psicoloxía e Turismo.
Mayeusis
A Xunta de Goberno Local aprobará este xoves a concesión dunha subvención de 60.000 euros á Fundación Mayeusis para financiar o desenvolvemento do programa Conexións Vigo 2026, unha iniciativa cultural que xa se está a desenvolver en distintos espazos da cidade. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou que a achega municipal permitirá a organización de 34 espectáculos de diferentes formatos, desde propostas de música de cámara con entre dous e cinco artistas ata actuacións de grupo de entre seis e doce integrantes e espectáculos de gran formato con participación de entre 12 e 50 artistas.
“Estase a desenvolver xa neste momento en Vigo”, sinalou o rexedor, quen destacou que a programación chegará “a toda a cidade”. As actuacións desenvolveranse en numerosos espazos como a rúa do Príncipe, o Mercado de Teis, a Praza da Pedra, o Paseo de Alfonso, a Alameda de Bouzas, a Praza da Independencia, o Mercado do Calvario, Villa Solita, a Rolda de Don Bosco, Navia, a Porta do Sol, Miragaia-Rosalía de Castro, o Parque de Castrelos, Cabral, Matamá, a igrexa románica de Castrelos ou a Praza de Compostela.
A programación inclúe cinco grandes estilos musicais e artísticos: música clásica, folk tradicional, jazz, música moderna, danza e artes escénicas, ademais dos espectáculos específicos da liña Conexións. O programa estenderase durante todo o verán e concluirá no mes de setembro coa celebración do IV Certame Conexións, que porá o broche final a esta edición. “Desde agora ata o mes de setembro haberá actuacións de Conexións con 34 espectáculos”, concluíu Caballero.