O Marisquiño converterá Samil nun gran escenario musical con catro espazos e programación continua
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este mércores na presentación do cartel musical desta edición, na que destacou a vinculación do festival coa cidade. “O Marisquiño hoxe é unha parte profunda da identidade de Vigo, O Marisquiño é Vigo”, afirmou o rexedor. O Concello inviste 1,3 millóns de euros no evento, sendo a única administración presente no patrocinio de O Marisquiño
A programación musical de O Marisquiño 2026 desenvolverase do 6 ao 9 de agosto en catro escenarios diferenciados situados no recinto de Samil, cunha oferta gratuíta que acompañará ao público durante toda a xornada e reforzará a dimensión cultural e urbana do festival. Os catro espazos contarán con personalidade propia: o escenario SON Estrella Galicia, que concentrará os concertos; La Plaza, dedicada á cultura DJ e MC; Oasis, centrada no universo sound system; e Sunset, que poñerá música ao Village do festival desde o mediodía ata a noite.
No escenario principal actuarán artistas xa anunciados como L0rna, LG1DO, Nusar3000, Rebeliom do Inframundo, High Paw, El Virtual, Nueva Apóstol, VVV [Trippin' You], CANDi, Fresquito y Mango ou West Srk, configurando unha das programacións musicais máis ambiciosas da historia do festival.
Un dos grandes atractivos desta edición será tamén a celebración por primeira vez en Vigo da final ibérica da DMC, a competición mundial de referencia para DJs, que reunirá na cidade aos mellores representantes de España e Portugal antes da gran final internacional de Londres. A música electrónica contará igualmente cun papel destacado cun cartel que conecta as escenas de Vigo, Galicia e Portugal, consolidando a tradicional relación cultural atlántica entre ambas beiras do Miño.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou a vinculación do festival coa cidade. “O Marisquiño hoxe é unha parte profunda da identidade de Vigo” e “O Marisquiño é Vigo”, afirmou o rexedor. Tamén puxo en valor o compromiso municipal co festival e lembrou que o Concello continúa sendo o principal apoio institucional do evento: “Somos o único financiador do ámbito público e queremos seguir séndoo”. O alcalde destacou o crecemento dun festival que se consolidou como unha das grandes referencias europeas da cultura urbana e dos deportes de acción.
Toda a programación musical de O Marisquiño 2026 será de acceso gratuíto e acompañará as competicións deportivas, as actividades familiares e as propostas de arte urbana que volverán converter Vigo nun referente internacional durante catro días