Escoitar

O Concello avanza na transformación urbanística da Praza de España

Abel Caballero anunciou este martes o inicio do estudo de detalle entre as rúas Pizarro e Porto Rico, zona 3 do ámbito. “Isto non hai quen o pare”, afirmou.

martes, 14 xul 2026

O alcalde explicou que a promotora, seguindo as indicacións da Xerencia de Urbanismo, realizou unha invitación a varios equipos de arquitectos para elixir ao mellor proxecto, e que o equipo gañador foi Álvaro Romero Arquitectos. Caballero indicou que o estudo de detalle ten como obxectivo definir a ordenación volumétrica, a posición e as condicións estéticas das edificacións.

Como resultado do convenio asinado en xaneiro, establécese a cesión de preto de 800 m² na parcela cara á Praza de España e outra superficie de 184 m² na rúa Porto Rico. “Novos espazos dos que vai desfrutar a cidade”, recalcou o rexedor.

O alcalde indicou que o Plan Xeral de Ordenación Municipal determina que o espazo que quede libre na planta baixa ten que ser de uso público peonil, “por tanto, as zonas verdes máis as partes peonís”, indicou.

O proxecto presenta unha proposta que ordena dous bloques de sete plantas e baixo cuberta, de forma que a planta baixa só se ocupa con portais e accesos ao garaxe, xa que o resto do espazo estará aberto como espazo público. A ocupación construída na planta baixa é de 340m2 entre os dous, de modo que o 85 por cento da parcela vai ser de uso público.

O alcalde incidiu en que o proxecto cumpre con todo o que expón o plan na formulación volumétrica e na cesión de espazos. Recalcou que a súa implantación, cos axustes oportunos, permitirá ordenar a parcela contribuíndo á xeración de espazos verdes e á progresiva peonalización da Praza España.

Descargar todas as imaxes