Escoitar

Castrelos prepárase para recibir a Chayanne coas 5.000 reservas á venda o 21 de xullo

O Concello porá á venda o martes 21 de xullo as reservas para o concerto que o artista portorriqueño ofrecerá no auditorio de Castrelos o xoves 30, ás 22:00 horas. Realizarase de forma presencial e en liña, repartida en dúas quendas.

luns, 13 xul 2026

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o vindeiro martes 21 de xullo sairán á venda as 5.000 reservas para o concerto de Chayanne, que actuará en Castrelos o xoves 30 de xullo, ás 22:00 horas. Caballero augurou “un éxito absolutamente incontestable” para unha das actuacións máis agardadas da programación estival.

A venda realizarase mediante o sistema habitual, combinando os portelos presenciais instalados no auditorio de Castrelos coa comercialización en liña. Pola mañá, entre as 09:00 e as 14:00 horas, estarán dispoñibles 2.000 reservas presenciais e 500 telemáticas. Pola tarde, de 16:00 a 21:00 horas, poñeranse á venda outras 2.000 presenciais e 500 en liña. Cada persoa poderá adquirir un máximo de catro reservas, que serán nominativas. Para completar a compra será necesario facilitar os documentos de identidade das catro persoas ás que se destinen.

O rexedor destacou ademais que o modelo de Castrelos permite asistir gratuitamente desde a bancada e acceder á platea cunha reserva de custo moi reducido fronte aos prezos habituais dun concerto de Chayanne. “Todo o mundo quere estar no concerto de Chayanne”, afirmou o alcalde, quen volveu defender o carácter accesible da programación municipal para achegar os grandes espectáculos musicais ao conxunto da cidadanía. Finalizou lembrando tamén que aínda quedan reservas dispoñibles para o concerto de Molotov, que poden adquirirse de forma telemática.

 

Descargar todas as imaxes