Escoitar

Vigo acolle a rodaxe da nova película de Juanjo Giménez

A película —cuxo título aínda non está pechado— é unha historia de amor contemporánea en todos os sentidos da palabra. A través dos ollos de dous inadaptados sociais, o filme explora temas urxentes como a soidade e, ao mesmo tempo, crea tempo e espazo para algo que se necesita desesperadamente: a conexión humana e a esperanza. O alcalde tamén cifrou a ocupación hoteleira da fin de semana nun 86% o venres e 90% o sábado.

luns, 13 xul 2026

O director catalán Juanjo Giménez comeza hoxe en Vigo a rodaxe da súa nova película, unha longametraxe que se filmará durante as vindeiras cinco semanas e que se desenvolverá integramente en Vigo, agás unha semana en Lituania. Abel Caballero avanzou que o Goberno local leva xa semanas colaborando na xestión dos permisos de rodaxe, na procura de localizacións e na cesión de espazos.

A película —cuxo título aínda non está pechado— é unha historia de amor contemporánea en todos os sentidos da palabra. A través dos ollos de dous inadaptados sociais, o filme explora temas urxentes como a soidade e, ao mesmo tempo, crea tempo e espazo para algo que se necesita desesperadamente: a conexión humana e a esperanza.

Está protagonizada por Pol López («Suro») e María Leite («Infinite Sea»). Sam é un lutier telépata que traballa illado no Porto. Alicia é unha bailarina profesional á que, igual que a Sam, a súa profesión lle esixe unha atención meticulosa aos detalles. Trátase dun drama romántico con tinguiduras sobrenaturais no que non faltarán notas de comedia.

Juanjo Giménez (Barcelona, 1963) gañou en 2016 a Palma de Ouro á mellor curtametraxe co seu filme «Timecode», que, ademais, foi nomeado ao Óscar á mellor curtametraxe. A súa última película, «Tres» (2021), é unha coprodución española, lituana e francesa que se estreou no Festival de Venecia e no Festival de Toronto, dando paso a un percorrido por festivais de prestixio e premios que aínda continúa na actualidade.

"Vai ser unha película maravillosa na cidade de Vigo", concluíu o alcalde

Ocupación hoteleira

Abel Caballero destacou os excelentes datos turísticos que está a rexistrar a cidade nas primeiras semanas de xullo, cunha ocupación hoteleira do 86% o venres e do 90% o sábado. O rexedor asegurou que estes rexistros supoñen o máximo histórico para este período do ano e sitúan a Vigo por riba da media alcanzada en 2025, cando a ocupación hoteleira do mes de xullo foi do 85,5%. "O turismo significa economía, emprego, valor engadido para a cidade e reforza o nome de Vigo no exterior", afirmou.

O alcalde puxo tamén en valor a experiencia das persoas que visitan a cidade, destacando que os turistas recoñecen "a amabilidade da xente, a calidade dos servizos, a limpeza da cidade, a hostalaría e o comercio". Segundo explicou, esa satisfacción convérteos nos mellores embaixadores de Vigo. "O turismo é moito máis ca unha actividade económica; é prestixio e proxección. Vigo xa se codea coas principais cidades de Europa, e iso é o que está sucedendo na nosa cidade", concluíu.

 

 

Descargar todas as imaxes