O alcalde celebra a proposta de Zona Franca para a construción de 450 viviendas protexidas en Guixar
O Consorcio da Zona Franca de Vigo definiu a súa estratexia para acelerar a rexeneración do ámbito de Guixar–Santa Tegra, no barrio de Teis, cunha superficie total de 62.252 m², que destinará a unha ambiciosa operación urbana de creación de vivenda protexida en Vigo.
O Consorcio xa deu un paso definitivo en xuño ao publicar oficialmente unha oferta pública de compra de solo dirixida ás persoas titulares dos terreos incluídos neste sector, así como no seu sistema xeral adscrito, para iniciar a tramitación do PERI e avanzar nos traballos técnicos.
Cunha estimación de máis de 600 vivendas, o 60 %, tal e como recolle o PXOM, será vivenda protexida, o que se traducirá na contorna de 450 vivendas protexidas en réxime de alugueiro. A proposta aposta por un desenvolvemento que sitúa as persoas no centro, limita o tráfico rodado no interior do ámbito e incorpora a sostibilidade en todo o conxunto. O obxectivo é transformar o pasado industrial das parcelas apoiándose nunha clara filosofía construtiva e ecolóxica, baseada na verticalidade, co fin de liberar a maior porcentaxe posible de solo en superficie e gañar espazos libres.
Un aspecto clave deste desenvolvemento foi a posta en valor da gran superficie de zona verde xa existente, de aproximadamente 7.000 m², achegándoa á primeira liña de fachada e incorporándoa ás propias edificacións, ata superar os 14.000 m². Outro obxectivo fundamental foi xerar a máxima superficie posible de espazos integramente públicos, que transformarán radicalmente o barrio de Teis, con pequenas prazas de encontro, espazos abertos e itinerarios totalmente accesibles que permitirán conectar de maneira integral os novos desenvolvementos coa trama urbana existente, prolongando a «franxa residencial do Areal».
Abel Caballero destacou que a actuación «é unha aposta por unha nova forma de desenvolvemento urbanístico. É un modelo de cidade no que impulsamos vivendas de alugueiro a prezo taxado, boa arquitectura, zonas verdes e espazos dotacionais. Toda unha forma de entender este desenvolvemento en Teis». Pola súa banda, o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, apuntou que «a proposta non só é un fito de futuro, senón tamén unha aposta de presente por un desenvolvemento urbanístico propio dunha cidade moderna, un modelo de urbe que reflicte a sociedade global actual. Regades asegurou que «a transformación deste espazo industrial degradado permitirá que Teis dispoña dun novo e grande pulmón verde para o goce da cidadanía, integrado cun innovador espazo de uso terciario que dinamizará a economía local, respectando a súa identidade patrimonial, e cunha zona residencial que convivirá coa xa existente.
A proposta técnica
O proxecto propón unha estrutura clara para as sete parcelas resultantes do ámbito, cun esquema idéntico de distribución por plantas, tanto para a vivenda libre como para a protexida, variando unicamente as alturas, co fin de integrar as edificacións no contexto urbano existente.
A planta baixa reservarase na súa totalidade para usos terciarios e comerciais, creando un gran zócolo dinámico que dará vida ás rúas do barrio, a modo de soportal. A primeira planta destinarase por completo ao uso residencial, actuando como elemento de transición. A partir do segundo andar, as construcións desenvolveranse en altura e destinaranse igualmente ao uso residencial.
En canto á parcela na que se atopan as naves protexidas, unha zona de carácter singular, reconverterase por completo para albergar un uso exclusivamente terciario, cunha superficie superior aos 3.000 metros cadrados. Esta histórica dotación comercial e industrial integrarase respectando o valor patrimonial das antigas construcións, dotando Teis dun novo e vangardista motor de actividade económica, emprego e servizos esenciais, que complementará de maneira equilibrada este novo «ecobarrio residencial».