Caballero valora o Vigo Sea Fest como celebración da orixe e tradición da cidade
O alcalde participou este venres na inauguración institucional do VII Festival ARVI do Peixe que se desenvolve ata este domingo, 12 de xullo, nos xardíns de Montero Ríos.
A Cooperativa de Armadores de Vigo organiza unha nova edición do SeaFest co obxectivo de promover o consumo dos produtos pesqueiros nun ambiente festivo, con degustacións, con obradoiros e actividades para salientar a importancia socio económica do sector pesqueiro galego e español. Ademais, o evento permitirá poñer a atención na protección do medio mariño.
Na inauguración desta VII Festival ARVI do peixe, Abel Caballero destacou que se trata dunha celebración que “enraíza coa nosa orixe, a nosa tradición e a nosa forma de ser” poñendo en valor a alimentación saudable, a xente que traballa no mar, a economía, a proximidade e a preservación dos mares oceánicos. Esta é a “nosa forma de entender a pesca, o mar e Vigo”, sinalou, convidando a todo o mundo a achgar aos xardíns de Montero Ríos a gozar desta “gran festividade”.
No acto de apertura participaron Javier Touza, presidente de Arvi; David Regades, delegado do Consorcio de Zona Franca; Susan Steel, directora da Axencia Europea de Control da Pesca; a conselleira do Mar e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, entre outras autoridades.