Vigo mantén a prealerta por seca e chama á cidadanía a facer un uso responsable da auga
O alcalde reafirmou este martes a decisión do Concello de manter a situación de prealerta por seca ante o descenso das reservas do encoro de Eiras, que se sitúan oito puntos porcentuais por debaixo das rexistradas na mesma data do ano pasado. Caballero lamenta que a Xunta rexeite a construción dun novo encoro augas arriba para almacenar máis agua na temporada de choivas: “É a súa competencia”.
Abel Caballero reafirmou a decisión do Concello de manter a situación de prealerta por seca ante o descenso das reservas do encoro de Eiras, que se sitúan oito puntos porcentuais por debaixo das rexistradas na mesma data do ano pasado. Segundo explicou, trátase da segunda peor situación da serie histórica, polo que insistiu na necesidade de actuar con anticipación para garantir o abastecemento.
A prealerta implica a adopción de medidas para evitar consumos superfluos, como o enchido de piscinas, a supresión dos baldeos con auga potable ou a recomendación dun uso responsable da auga nos fogares. “Trátase de actuar con sentido común”, afirmou, ao tempo que agradeceu a resposta da cidadanía. “Os vigueses e as viguesas están respondendo moi ben, con tranquilidade e serenidade. Saben que o que queremos é evitar que Vigo quede sen auga”, sinalou.
O alcalde rexeitou as críticas da Xunta de Galicia, que acusou ao Concello de xerar alarma. “Non creamos temor; somos previsores. O noso deber é anticiparnos aos problemas”, afirmou. Neste sentido, insistiu en que o encoro de Eiras “é demasiado pequeno para a demanda que soporta” e reclamou novamente a construción dun segundo encoro augas arriba no río Oitavén. “Auga hai porque chove, o que hai que facer é almacenala”, indicou, lembrando que o Concello leva “15 anos” solicitando esa infraestrutura sen obter resposta favorable da administración autonómica.
Por último, o alcalde insistiu en que a competencia para garantir o abastecemento en alta corresponde á Xunta de Galicia. “Segundo o Estatuto de Autonomía é a responsable dos encoros e da auga en alta, pero non fai nada. Cando hai problemas desaparece”, concluíu.