Escoitar

O Concello doa dous camións de bombeiros a Ucraína

O alcalde manifestou o apoio da cidade “para contribuír á causa nobre, digna e xusta do pobo de Ucraína”.

luns, 13 xul 2026

Abel Caballero achegouse á saída cara a Ucraína de dous camións do Servizo de Extinción de Incendios para atender así a petición formulada polo cónsul honorario de Ucraína en Galicia. Os vehículos, retirados recentemente do servizo municipal ao seren substituídos por novos medios máis modernos, atópanse en perfecto estado de funcionamento e partirán hoxe mesmo cara ao país.

Caballero explicou que a cidade decidiu responder de inmediato á solicitude para que estes camións poidan ser utilizados nas tarefas de emerxencia e rescate. “Queremos contribuír á atención das persoas en Ucraína e apoiar unha causa nobre, digna e xusta”, afirmou o rexedor, quen trasladou tamén “todo o apoio e o afecto de Vigo ao pobo ucraíno”.

Pola súa banda, o cónsul honorario de Ucraína en Galicia, Antonio Corredoira, agradeceu a colaboración do Concello e destacou a importancia desta doazón para os servizos de emerxencia do seu país. Segundo explicou, os dous camións serán empregados en labores de rescate en zonas próximas á fronte. “Están sufrindo bombardeos continuos e estes vehículos van ser de gran utilidade para salvar vidas e atender as emerxencias”, sinalou, ao tempo que expresou o seu agradecemento á cidade de Vigo pola solidariedade demostrada.

Un dos vehículos destínase á cidade de Ochakiv, no sur de Ucraína, pertencente ao óblast de Mykolaiv. Trátase dunha pequena cidade portuaria situada na desembocadura do Dniéper, xunto ao mar Negro, que conta con 15.000 habitantes. Atópase na propia liña da fronte, xa que a Federación Rusa ocupa a outra beira do río, pertencente ao óblast de Jersón.

O outro vehículo entregarase ao Hospital Militar de Kharkiv, cidade de 1,4 millóns de habitantes situada no leste de Ucraína, que presta servizos sanitarios e de rescate ás poboacións próximas á liña da fronte nesa rexión.

Descargar todas as imaxes