Vigo estrea unha ruta turística inspirada na película Romería
Segundo informou o alcalde, o obxectivo é dar a oportunidade de coñecer a cidade a través do cinema.
A iniciativa permitirá percorrer os principais escenarios da longametraxe e coñecer a cidade a través da súa presenza na gran pantalla. “É unha nova maneira de adentrarse en Vigo”, destacou o rexedor.
O itinerario percorre algúns dos espazos máis emblemáticos da cidade, desde o Casco Vello ata o Porto Deportivo, pasando por Bouzas, a praia da Fonte, as Illas Cíes e a illa de Toralla, convertidas en escenarios protagonistas da película. Para facilitar o percorrido, o Concello editou un folleto co mapa e as localizacións da rodaxe, dispoñible en galego, castelán e inglés.
Ademais do formato tradicional en papel, a ruta poderá realizarse de forma interactiva a través da VigoApp, que permitirá acceder a fotografías, vídeos e contidos audiovisuais da película asociados a cada un dos espazos visitados. Caballero agradeceu a colaboración de Elástica Films, produtora do filme dirixida polo vigués Enrique Costa, pola cesión do material gráfico e audiovisual que fai posible esta experiencia.
O alcalde lembrou que Romería foi rodada integramente en Vigo e destacou a súa importante proxección internacional. Tras a súa estrea nos Estados Unidos, a película xa chegou ás pantallas de países como Colombia, Hungría, Arxentina, Romanía, Suecia, Portugal, Francia, Alemaña, Países Baixos, Dinamarca, Suíza, Bélxica, Reino Unido, Irlanda, Finlandia, Corea do Sur, Italia e México.