O Centro de Interpretación de Toralla volve ofrecer recreacións históricas gratuítas
As representacións celebraranse os xoves de xullo e agosto con dous pases diarios para achegar á cidadanía á vida cotiá da antiga vila romana. A entrada é libre e gratuíta.
As sesións desenvolveranse os xoves 16, 23 e 30 de xullo e 6, 13 e 20 de agosto, con dous pases cada xornada, ás 20:00 e ás 21:00 horas. O espectáculo permitirá ao público percorrer o centro acompañado por figurantes caracterizados con indumentaria da época pertencentes a diferentes clases sociais, que recibirán aos asistentes con pétalos de flores antes de dar paso ás distintas escenas. A representación incluirá unha venda de escravos e xermanas, unha actividade comercial vinculada á venda de sal, a presentación pública dun bebé recentemente nado, bailes e loitas, incorporando este ano como novidade a irrupción final dun grupo de xermanas na villa.