Escoitar

Comeza a montaxe da estrutura que sosterá a cuberta da grada de Gol

As barras e as bólas que conformarán a malla encargada de soster a cuberta da nova grada xa se atopan no estadio. A estrutura montarase inicialmente sobre o terreo e será izada por tramos durante o mes de agosto.

martes, 14 xul 2026

O alcalde, Abel Caballero, informou da chegada a Balaídos do material necesario para iniciar a montaxe da estrutura que sosterá a nova cuberta da grada de Gol. “Seguimos adiante a moi bo ritmo na construción da grada”, destacou.

As barras e as bólas que compoñen a malla ensamblaranse inicialmente no chan. Unha vez unidos os diferentes elementos e completados tramos de dimensións importantes, estes serán elevados mediante un guindastre para colocalos sobre os piares da nova bancada. “Durante o mes de agosto imos izar toda a malla de barras e bólas que vai soster a nova cuberta da grada de Gol”, explicou o rexedor, quen puxo en valor o avance paulatino dunha das fases máis complexas e visibles da reforma.

A chegada deste material supón un novo paso na evolución das obras, despois de que a estrutura da bancada alcanzase xa unha altura considerable e de que o Concello habilitase preto de 800 novos asentos en Gol Baixo para o inicio da tempada 2026-2027. Estas localidades permiten o uso parcial da nova grada mentres continúan os traballos para completar o conxunto.

 

Descargar todas as imaxes