As reservas para o concerto de Abraham Mateo en Castrelos sairán á venda o 22 de xullo
O Concello porá á venda o mércores 22 de xullo as reservas para o concerto que Abraham Mateo ofrecerá no auditorio de Castrelos o 7 de agosto, ás 22:00 horas. A distribución realizarase de forma presencial e en liña, repartida en dúas quendas.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o vindeiro mércores 22 de xullo sairán á venda as 5.000 reservas para o concerto de Abraham Mateo en Castrelos. O artista actuará no auditorio vigués o 7 de agosto, ás 22:00 horas.
A venda realizarase mediante o sistema habitual, combinando os portelos presenciais instalados en Castrelos coa adquisición en liña. Pola mañá, entre as 09:00 e as 14:00 horas, estarán dispoñibles 2.000 reservas presenciais e 500 telemáticas. Pola tarde, entre as 16:00 e as 21:00 horas, poranse á venda outras 2.000 reservas presenciais e 500 en liña.
Cada persoa poderá adquirir un máximo de catro reservas, que serán nominativas. Caballero lembrou que, no momento da compra, será necesario facilitar os documentos de identidade das persoas ás que se destinen. O rexedor incidiu en que as reservas só poderán ser utilizadas polos seus titulares, polo que non será posible acceder ao recinto cunha entrada emitida a nome doutra persoa.