Escoitar

Avanzan as obras do VgoTIC Global HUB que acollerá a Incubadora de Alta Tecnoloxía startTIC

O alcalde visitou xunto ao director xeral de INCYDE os espazos da futura instalación e cualificou como un fito a chegada da incubadora a Vigo: «Primeiro foi o naval, despois o automóbil. Hai momentos que definen a historia dunha cidade. O que está a acontecer hoxe en Vigo, esta alianza entre entidades públicas e privadas para impulsar a alta tecnoloxía, vai definir os próximos 50 anos desta cidade».

mércores, 15 xul 2026

O director xeral da Fundación INCYDE (Instituto Cameral para a Creación e o Desenvolvemento da Empresa), Javier Collado, visitou este mércores as obras do Edificio 4 do VgoTIC Global HUB de López Mora, que, unha vez rematadas, acollerá a Incubadora de Alta Tecnoloxía startTIC. Liderada pola Zona Franca, xunto coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e o Centro Tecnolóxico Gradiant, startTIC está orientada a proxectos de ámbitos estratéxicos como o 5G, a ciberseguridade, a intelixencia artificial, a defensa, as comunicacións avanzadas e outras tecnoloxías habilitadoras dixitais.

O proxecto naceu ao abeiro da iniciativa europea e forma parte da Rede de Incubadoras de Alta Tecnoloxía que a Fundación INCYDE está a promover co obxectivo de reforzar o crecemento sostible, a competitividade e a creación de emprego nas pemes. A incubadora, cun orzamento de 3,5 millóns de euros, está cofinanciada nun 60 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), tras obter a subvención xestionada tamén por INCYDE. Acompañado polo delegado do Estado, David Regades; polo alcalde de Vigo, Abel Caballero; polo presidente da Cámara, José García Costas, e polo director xeral de Gradiant, Luis Freire, Javier Collado coñeceu o desenvolvemento das obras no edificio, que xa foi totalmente demolido, agás a súa estrutura, e cuxos traballos avanzan en tempo e forma.

O director xeral de INCYDE tamén foi informado do éxito do lanzamento da primeira edición de startTIC, cun programa intensivo de seis meses dirixido a impulsar proxectos tecnolóxicos innovadores. Unha vez pechada a inscrición, presentáronse un total de 62 proxectos, dos que 30 serán agora seleccionados por un comité de avaliación. Contarán con titorías personalizadas, asesoramento tecnolóxico, sesións de capacitación e networking, así como acceso a infraestruturas avanzadas. Estas actividades desenvolveranse temporalmente no parque empresarial de Bouzas ata que estean rematadas as obras de López Mora.

Das iniciativas presentadas, a maioría proceden da comarca de Vigo e doutras zonas de Galicia (89 %), aínda que tamén se rexistraron propostas doutros puntos de España e mesmo do estranxeiro, como Portugal. A incubadora acolle propostas en calquera fase de desenvolvemento, desde proxectos de recente creación aínda non constituídos como empresas, que representan o 71 %, ata startups e proxectos xa constituídos, que supoñen o 29 %.

Respecto dos subsectores TIC nos que se encadran, destacan as propostas relacionadas co desenvolvemento de software —aplicacións, videoxogos, etc.— e co procesamento de datos, o aloxamento e, en xeral, a actividade de portais web. As propostas aplican unha ampla gama de tecnoloxías TIC, entre as que sobresae o uso da intelixencia artificial (71 %), así como das súas modalidades xerativa e axéntica. Tamén destaca o emprego de tecnoloxías de confianza e ciberseguridade (37 %) ou de novas tendencias como o edge computing (21 %).

A orientación dos proxectos é ampla, xa que poden aplicarse a un gran número de sectores, desde a seguridade e a defensa (23 %) ata o transporte e a loxística (26 %), pasando polo lecer (22 %) ou a automoción (21 %).

O director xeral de INCYDE, Javier Collado, salientou que, ademais de sumarse ás 25 incubadoras de alta tecnoloxía de España, startTIC pasará a formar parte «da rede máis importante de incubadoras de Europa, que están a crear empresas, emprego e investimento». Collado destacou o papel dos viveiros da Zona Franca de Vigo como impulsores de proxectos de alta tecnoloxía, referíndose especialmente ao sector aeroespacial, así como a capacidade de Vigo para situarse no contexto europeo como cidade tecnolóxica e de innovación.

David Regades, delegado do Estado na Zona Franca, destacou «o salto cualitativo e de referencia que dará Vigo con este proxecto, que reforzará a cidade como nodo tecnolóxico e o ecosistema TIC galego. Tamén contribuirá a favorecer a transferencia tecnolóxica —sinalou Regades— e a apoiar persoas emprendedoras e pemes con solucións innovadoras. Estamos a falar de tecnoloxía e de empresa, pero tamén de emprego de calidade e de creación de oportunidades». O delegado do Consorcio definiu startTIC como un exemplo claro de colaboración público-privada, eloxiou o papel da Cámara de Comercio e de Gradiant como socio tecnolóxico, así como o do Concello de Vigo como «lanzadeira» de grandes proxectos.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, recorreu a un paralelismo histórico para subliñar a importancia de startTIC. «Primeiro foi o naval, despois o automóbil. Hai momentos que definen a historia dunha cidade. O que está a acontecer hoxe en Vigo, esta alianza entre entidades públicas e privadas para impulsar a alta tecnoloxía, vai definir os próximos 50 anos desta cidade».

A Incubadora de Alta Tecnoloxía startTIC defende a innovación como motor de transformación e a importancia de crear espazos nos que o talento poida desenvolverse, conectar e medrar. Desempeña, deste xeito, un papel clave no desenvolvemento do emprendemento innovador, ao ofrecer acceso a coñecemento especializado, infraestruturas, tecnoloxía e un ecosistema de colaboración no que as ideas poden converterse en proxectos con impacto.

Descargar todas as imaxes