Escoitar

Chayanne esgota en dous minutos as reservas telemáticas para Castrelos

O artista portorriqueño actuará en Vigo o vindeiro 30 de xullo, ás 22:00 horas, nun dos concertos máis agardados da programación de Vigo en Festas. Ás 16:00 horas sairán á venda outras 2.000 presenciais e 500 online.

martes, 21 xul 2026

As primeiras reservas para asistir ao concerto de Chayanne no auditorio de Castrelos esgotáronse en apenas dous minutos na modalidade de venda telemática. Abel Caballero destacou o extraordinario ritmo da venda na primeira quenda da xornada. “A venda está indo a moi boa marcha. De feito, a venda telemática durou dous minutos. Nese tempo asignáronse as 500 reservas por vía telemática”, sinalou.

Mentres as reservas en liña quedaron esgotadas de inmediato, a venda presencial continúa durante a mañá e reanudarase pola tarde, seguindo o sistema habitual establecido polo Concello. Ás 16:00 horas sairán á venda outras 2.000 presenciais e 500 online.

Chayanne chegará a Castrelos coa súa xira "Bailemos otra vez", na que repasa os grandes éxitos dunha carreira de máis de catro décadas. O cantante portorriqueño, con máis de 50 millóns de discos vendidos e himnos como Torero, Bailando Bachata, Salomé ou Dejaría todo, foi unha das incorporacións máis demandadas pola cidadanía para o cartel deste verán.

O rexedor avanzou tamén que o calendario de venda das reservas continuará mañá "coas reservas do concerto de Abraham Mateo e o xoves sairán á venda as reservas de The Corrs”. O artista gaditano celebrará a súa actuación no coliseo vigués o vindeiro 7 de agosto, mentres que a banda irlandesa chegará a Vigo o 11 dese mesmo mes.

Descargar todas as imaxes