Escoitar

O Concello incorpora "Talismanta" de Berta Cáccamo á colección de arte galega

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns a adquisición da obra Talismanta, da artista viguesa Berta Cáccamo, por un importe de 25.000 euros. A pintura incorpórase de forma definitiva á Colección Municipal de Arte Galega (CMAG Vigo) e xa pode contemplarse na exposición permanente da Casa das Artes.

martes, 21 xul 2026

Abel Caballero destacou que a adquisición reforza un proxecto cultural que converte Vigo nun referente da conservación e difusión da arte galega contemporánea. “Na Xunta de Goberno acordamos a adquisición da obra Talismanta da artista viguesa Berta Cáccamo. É unha artista de primeira magnitude”, afirmou.

A obra pasa a formar parte da CMAG Vigo, unha colección integrada por máis de 70 obras de pintura e escultura dos principais artistas galegos desde a posguerra ata finais do século XX, entre os que figuran Urbano Lugrís, Laxeiro, Isaac Díaz Pardo, Fernando Álvarez de Sotomayor ou Camilo Nogueira. A exposición permanente da Casa das Artes ofrece un percorrido pola evolución da arte galega contemporánea a través de sete ámbitos temáticos.

Caballero lembrou que esta compra forma parte da aposta municipal por seguir enriquecendo o patrimonio artístico da cidade e consolidar o CMAG Vigo como unha das coleccións públicas de referencia en Galicia. “Forma parte do programa que temos: CMAG Vigo, Colección Municipal de Arte Galega. É unha nova adquisición de arte para a cidade”, concluíu o rexedor.

 

Descargar todas as imaxes