O Concello compra dúas parcelas en Alcabre a Zona Franca
O Pleno do Consorcio de Zona Franca aprobou este martes a venda directa ao Concello de dúas fincas en Camiño Borralleiro co fin de mellorar o acceso á praia do Cocho. O importe da compra é de 80.809 euros.
O alcalde explicou que con esta adquisición “queremos mellorar a accesibilidade e as dotacións destinadas ao uso público xusto ao carón da praia do Cocho” e amais eliminar os riscos derivados dos accesos existentes.
Tal e como apuntou, as dúas parcelas situadas en Camiño Borralleiro, en Alcabre, son terreos adquiridos por Zona Franca no ano 2002 para o proxecto de ampliación da contorna do Museo do Mar. Están clasificadas como solo rústico de protección de costas e chan rústico de protección patrimonial e suman unha superficie total de 2.693 metros cadrados. A parcela “Forte” ten unha superficie de 2.107m2 e a chamada “Vidreiros” ten 586m2. O importe total da compra ascende a 80.809 euros.
“Unha nova parcela que adquire o Concello para facilitar todo o que ten que ver coas praias”, engadiu o rexedor.