Escoitar

O Pleno insta á Xunta a abrir novos PAC en Vigo para desconxestionar a atención sanitaria

A Corporación municipal aprobou, cos 21 votos favorables do PSOE e do BNG e os 5 votos en contra do PP, unha moción que reclama á Consellería de Sanidade a creación de novos Puntos de Atención Continuada na cidade e o cesamento do conselleiro de Sanidade. O Pleno deu luz verde, coa mesma votación, a unha segunda iniciativa sobre a implantación de novos ciclos de Formación Profesional Básica nos centros públicos vigueses.

luns, 27 xul 2026

A concelleira socialista Elena Espinosa, encargada de defender a moción sanitaria, advertiu de que a situación da sanidade pública en Vigo alcanzou un punto de “colapso e caos insostible”, provocado pola falta de investimento, de persoal e de planificación por parte da Xunta de Galicia.

Espinosa sinalou que as demoras para obter unha cita de Atención Primaria superan con frecuencia as dúas semanas, dificultando unha asistencia rápida e preventiva e obrigando numerosas persoas a acudir ás urxencias extrahospitalarias. Segundo explicou, esta situación provoca a saturación do único PAC que atende a poboación urbana de Vigo, con longas esperas e unha elevada sobrecarga para o persoal sanitario.

A iniciativa aprobada insta á Consellería de Sanidade a crear e abrir novos PAC distribuídos estratexicamente pola cidade, co obxectivo de descentralizar a atención extrahospitalaria e evitar a saturación das urxencias hospitalarias. Tamén solicita o cesamento inmediato do conselleiro de Sanidade pola súa xestión da crise sanitaria viguesa e pola falta de respostas ás demandas da cidade.

Diálogo e transparencia na implantación da FP Básica

Na mesma sesión, o Pleno aprobou con 21 votos a favor do PSOE e do BNG e 5 en contra do PP unha moción socialista sobre as modificacións da oferta educativa nos institutos públicos de Vigo. A concelleira Olga Alonso, que defendeu a iniciativa, destacou que a Formación Profesional é unha ferramenta esencial para mellorar a cualificación da mocidade, favorecer a igualdade de oportunidades e responder ás necesidades do tecido produtivo. Ao mesmo tempo, criticou que a Xunta decidise implantar novos graos de FP Básica sen un proceso previo de diálogo, participación e consulta coa comunidade educativa.

Alonso defendeu que calquera modificación da oferta educativa debe realizarse desde o consenso e a transparencia, contando previamente con informes técnicos, estudos de necesidades e recursos humanos, materiais e de infraestruturas suficientes.

 


O acordo amosa o apoio municipal á comunidade educativa do IES República Oriental do Uruguai ante a implantación unilateral dun novo grao de FP Básica. Ademais, esixe que as futuras modificacións da oferta dos centros públicos conten cos medios necesarios e solicita a publicación dos informes técnicos, pedagóxicos e organizativos que xustifican estas decisións

 

Descargar todas as imaxes