Escoitar

Caballero: “Non imos parar ata resolver o problema da vivenda en Vigo”

O alcalde anunciou hoxe que a aprobación no Pleno da empresa que xestionará directamente o servizo público de vivenda “é o principio da actuación municipal, porque seguiremos potenciando e actuando tanto neste mandato como nos seguintes”. O acordo foi aprobado cos 19 votos do grupo municipal socialista e a abstención dos oito edís do PP e do BNG.

luns, 27 xul 2026

Abel Caballero incidiu en que desde 2009 ata hoxe a Xunta, a pesar de contar coas competencias exclusivas en vivenda, non construíu ningunha vivenda para alugar a prezo alcanzable. “Hai que mirar cara atrás e ver por qué estamos nesta situación e é porque a Xunta abandonou a política de vivenda en alugueiro accesible durante todo o seu mandato”, afirmou.

O rexedor remarcou que ante a “dramática” situación do acceso á vivenda en Vigo, como consecuencia da “ausencia total” da Xunta de Galicia na promoción tanto de pisos en propiedade como en alugueiro a prezo asequible, “tivemos que optar por facelo nós”. Así, lembrou que a última promoción pública de vivenda en Vigo tivo lugar durante a Xunta presidida polo socialista Emilio Pérez Touriño, en cogoberno co BNG, coa construción de 400 vivendas en Navia. Fronte a isto, lembra que os sucesivos gobernos do PP só edificaron 62 vivendas. “Non se pode continuar nesa situación e por iso optamos por desenvolver un plan de vivenda autónomo desde o Concello de Vigo para Vigo”.

Caballero apuntou a transcendencia da creación da empresa de vivenda “estritamente” pública, cun capital inicial de 8 millóns de euros, sen que “nada impida que se aumente cando se considere oportuno”. A esta iniciativa suma o plan de alugueiro, que tamén será xestionado pola empresa municipal, coa finalidade de que aflore ao mercado, a prezo taxado e accesible, parte das 12.000 residencias que están baleiras e sen uso polos seus propietarios. Incidiu o rexedor en que a iniciativa municipal garante que ninguén vai pagar pola súa vivenda máis do 30 por cento da súa renda. “Trátase dunha política absolutamente nova e unha acción decidida para garantir o acceso á vivenda”, defendeu.

“Esta é a forma integral de participar no problema desde a ausencia de competencia real, que a ten a Xunta" incidiu o rexedor ao censurar "que despois de 17 anos, a administración galega construíu 62 vivendas para a venda e cero para alugueiro para atender ás 10.000 solicitudes que hai en Vigo”.

Ordenanza de licenzas

O Pleno tamén aprobou este luns a ordenanza reguladora da tramitación de licenzas urbanísticas e outras formas de obras e actividades realizadas no Concello de Vigo que, segundo a concelleira María Xosé Caride, axilizará o procedemento de concesión dos permisos.

A nova norma inclúe a todos os actos relacionados coa edificación, construción, instalación, e uso de solo e subsolo, alén do exercicio de actividades ou servizos que esixan a intervención da administración cumprindo a súa función de policía na orde urbanística para vertificar o axuste ao plan, normas urbanísticas e en materia de seguridade, sanitaria e ambiental.

A edil recalcou que Vigo figura entre os concellos máis eficientes en concesión de licenzas e que a nova ordenanza supón a simplificación dos procesos, non a desprotección “porque se cumpre con toda a lexislación vixente”.

 

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes