Caballero esixe á Xunta que poña fin á “deixadez absoluta” na estación de autobuses de Vigo
O alcalde denunciou o deficiente estado da estación de autobuses situada ao carón do complexo de Vialia e reclamou á Xunta de Galicia unha actuación inmediata para garantir a limpeza, a salubridade e o correcto funcionamento das instalacións. Afirmou que o Concello recibe diariamente queixas de persoas usuarias polos aseos pechados, a sucidade e as avarías nas pantallas informativas.
“A estación de autobuses de Vigo da Xunta de Galicia está nunha situación de deixadez absoluta”, manifestou o rexedor, quen trasladou as reclamacións recibidas polo goberno municipal sobre o estado da terminal. Caballero puxo o foco no peche dos aseos, que obriga ás persoas usuarias a desprazarse ata a estación ferroviaria ou ao centro comercial para poder utilizar un baño. “Unha estación de autobuses que non ten baños; en suma, unha auténtica calamidade”, censurou.
O alcalde denunciou tamén a falta de limpeza, o mal funcionamento das pantallas de información e a presenza de persoas que pasan a noite no interior. Por este motivo, esixiu ao Goberno autonómico que garanta unhas condicións adecuadas de seguridade, mantemento e salubridade nunha infraestrutura pola que transitan diariamente miles de viaxeiros. “A vella estación era unha catástrofe, pero a nova é peor porque está aberta e por alí pasan todos os días miles de persoas nun sitio que está sucio e sen baños”, afirmou, reclamando á Xunta unha intervención urxente para recuperar as condicións de funcionamento e atención que debe ofrecer unha estación de recente construción.