Escoitar

O 010 prestou máis de 75.000 servizos no primeiro semestre do ano

O teléfono municipal de información 010 ofreceu 75.015 atencións á cidadanía durante os seis primeiros meses de 2026, entre chamadas de información xeral e xestións relacionadas con trámites, campañas e servizos do Concello. Abel Caballero destacou o funcionamento desta canle que é completamente gratuíta.

martes, 28 xul 2026

Tal e como explicou o rexedor o 010 prestou 75.015 servizos entre xaneiro e xuño deste ano. A atención telefónica de carácter xeral rexistrou 52.850 chamadas para resolver consultas sobre trámites municipais, padrón e censo, limpeza, contribuíntes, rutas, cursos e eventos, entre outras cuestións. Ademais, o persoal do servizo transferiu 16.156 chamadas ás áreas municipais correspondentes para facilitar unha atención máis directa e especializada.

O balance de actividade recolle tamén as 22.865 xestións realizadas a través de diferentes canles, entre elas a atención de correos electrónicos, consultas presenciais, suxestións e solicitudes de inicio de expedientes. As campañas que concentraron unha maior actividade durante o primeiro semestre foron as solicitudes das bolsas Vigo en Inglés, os cursos de primeiros auxilios para persoas maiores, as inscricións nas actividades de voluntariado e as rutas a pé organizadas desde a área de Política Social.

Caballero puxo en valor a gratuidade do teléfono municipal: “Fixemos que non lle custase nin un céntimo aos cidadáns que o utilizan”. As chamadas ao 010 son gratuítas desde agosto de 2024, unha medida coa que o Concello eliminou o custo que anteriormente asumían as persoas usuarias do servizo.

Descargar todas as imaxes