A programación familiar do Marisquiño ofrece 40 actividades gratuítas
As actividades familiares medran ata os catro días no Marisquiño Kids con obradoiros, xogos, exhibicións, un concerto e espazos participativos. O Concello financia O Marisquiño 2026 cunha achega de 1,3 millóns de euros.
O Marisquiño estende este ano a súa programación familiar aos catro días do festival, do 6 ao 9 de agosto, con máis de 40 actividades gratuítas en Samil e Navia: talleres, xogos, exhibicións, un concerto e espazos participativos, nunha proposta concibida para achegar os deportes de acción e a cultura urbana ás xeracións máis novas.
O Family Day by Gadis manterá a súa celebración na xornada inaugural, o xoves 6 de agosto, con 26 talleres gratuítos e 320 prazas dispoñibles para nenos e nenas de 5 a 16 anos. A programación permitirá iniciarse en disciplinas como skate, BMX, flatland, breaking, basket 3x3, grafiti e, como novidade desta edición, freestyle rap. As actividades contarán co acompañamento de monitores e adestradores profesionais especializados en cada disciplina. Entre eles estará Varo Hernández, campión de España de BMX Freestyle en 2022.
Como en edicións anteriores, o skatepark de Navia será o espazo elixido para os talleres de skate e BMX. O resto de actividades desenvolverase no recinto da praia de Samil, onde tamén terá lugar un campionato xuvenil de basket 3x3 como arranque das competicións previstas durante a fin de semana. As inscricións para todos os talleres do Family Day poderán realizarse na páxina web do festival a partir deste martes, 31 de xuño.
A xornada do xoves finalizará co concerto gratuíto de benvida a Marisquiño 2026, que este ano estará especialmente dedicado ao público familiar. Monk Blues Band actuará no escenario da Praza cun repertorio de clásicos de blues, soul, rock e funk.
A Praza do Marisquiño funcionará desde o xoves como espazo aberto para a programación familiar en Samil, sen necesidade de inscrición previa. O novo espazo acollerá talleres de danza urbana; actividades dedicadas aos compoñentes de skate e BMX, pensadas para aprender como se montan e axustan unha táboa ou unha bici; Xogando coa Rima, unha proposta de iniciación ao freestyle rap dirixida por Gallos del Norte; e os talleres creativos Deseña e crea con POSCA, onde os participantes poderán personalizar unha táboa de skate.
Ademais, durante os catro días do festival funcionarán dous espazos participativos no recinto de Samil: Marisquiño Finger Skate, unha actividade para practicar skate cos dedos sobre táboas e circuítos en miniatura, e a Ruleta da Fortuna by Gadis, un xogo de pericia con premios especiais. Con Marisquiño Kids, o festival reforza a súa dimensión interxeracional e amplía as opcións para desfrutar do festival en familia. Toda a información sobre horarios, localizacións, idades recomendadas e inscricións está dispoñible na páxina web do festival.