O Concello instalará un “Punto lila” contra a violencia de xénero en todos os concertos de Castrelos
O parque contará novamente este verán cun espazo de información e atención especializada para a prevención do acoso e das violencias sexuais nos espazos de lecer.
O dispositivo permanecerá aberto durante catro horas dos doce concertos. Proporcionará axuda e información unha hora antes e despois das actuacións.
Catro especialistas prestarán atención especializada ás mulleres que poidan sufrir situacións de acoso ou violencia durante os concertos, e activarán o protocolo para acompañar á vítima, facilitaranlle información e derivarana ao recurso máis adecuado en coordinación coas forzas de seguridade e os servizos sanitarios de urxencia.
O “Punto Lila” tamén facilitará información e realizará unha labor de sensibilización sobre a igualdade e a prevención da violencia de xénero, ademais de distribuír material divulgativo.