O Concello reúne a familias e alumnado do Vigo en Inglés 2026
O alcalde asiste este martes aos encontros coas familias dos 1015 estudantes vigueses que irán ao Reino Unido e Irlanda a partir de setembro coa beca do Concello.
O Auditorio Mar de Vigo acolle esta tarde as reunións informativas coas familias e o alumnado do programa Vigo en Inglés 2026, que se celebran en dúas sesións ás 18:30 e ás 20 horas, dado o elevado número de persoas asistentes.
Tal e como adiantou Caballero “explicarémoslles ás familias, ás mozas e aos mozos como é o programa educativo, as formas de desprazamento e as tres semanas que van pasar alí, cunha familia inglesa e as viaxes que van facer”.
A partir de setembro, o Concello enviará 1.015 estudantes de 4º da ESO a estudar inglés a Reino Unido e Irlanda grazas ao programa municipal de inmersión lingüística que ten un orzamento de 3.284.455 euros. O custo de cada praza financiada polo Concello é de 3.235 euros, como detallou o rexedor.
As mozas e mozos de 14 e 15 anos pasarán tres semanas convivindo cunha familia en Reino Unido ou Irlanda e realizando un curso intensivo de inglés en centros educativos. A bolsa municipal inclúe o importe da matrícula no curso de inglés, o material e os custos de aloxamento con familias, gastos derivados do curso e as actividades extraescolares e de lecer, visitas didácticas, viaxe de ida e volta, transporte urbano e seguros de viaxe e responsabilidade civil
O alcalde puxo en valor este programa co que o Concello enviou desde 2008 a máis de 12.000 estudantes vigueses a aprender inglés.